Día das Escritoras 2022
Helena Villar Janeiro, Mª do Carme Kruckenberg, Marina Mayoral, Uxía Casal, Luísa Villalta, Ursula Heinze, Concha Blanco, Marica Campo e Marilar Aleixandre son as 9 escritoras que este ano eliximos para celebrar o Día das Escritoras.
Durante toda a semana pasada, fumos publicando a través das nosas redes sociais recomendacións literarias destas nove mulleres das nosas letras.
- Helena Villar Janeiro: De Becerreá (Lugo), foi ensinante e na súa formación, sobre todo no aspecto literario, foron decisivas as clases que recibiu traballando cos seus pais na xastrería ancaresa. Alí descubríu a narración oral e os referentes de moitos personaxes que alimentan a súa obra. Ser escritora élle un xeito de “ser” e de “estar” no mundo, permítelle observar a vida dun xeito ricaz, inventar mundos e camiñar neles polos vieiros da ironía e do humor. Valora o papel que desde a escrita se pode xogar perante a sociedade, patentizando o compromiso cunha serie de causas: o seu xénero, o seu pobo, o seu país, a súa lingua e a súa cultura.

- Mª do Carme Kruckenberg: nada en Vigo no 1926 (falecida en 2015) é autora de contos, poeta e tradutora, colaborou en prensa e radio, e foi vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Foi recoñecida co Premio Alecrín en 1997, a Medalla de Galicia en 1998, a Medalla Castelao en 2002 e o Premio Laxeiro en 2011.

- Marina Mayoral: Catedrática de Literatura, novelista, articulista e investigadora, é Académica de Honra da Real Academia Galega desde 2017. Entre o centenar dos seus traballos de investigación destacan as súas obras sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, análise de poesía e prosa contemporáneas, así como os estudos sobre a problemática da escritura feminina ao longo da historia.

- Uxía Casal: é unha escritora lenta, no mellor sentido da palabra. Licenciada en Xeografía Historia e Filoloxía Hispánica, ten impartido clases de francés e de literatura nas Aulas da Terceira Idade e de español durante dous cursos de verán para estranxeiros na USC. En 1984 marchou para Ourense onde deu aulas de Lingua e Literatura Galegas. A afección polas historias vénlle de cativa e xa desde mociña sentiu o desexo de idear personaxes e tramas no seu maxín. Daqueles primeiros balbucidos non conserva nada, destruíunos un día no que a enchía a febre limpadora.

- Luísa Villalta: Licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicou parte da súa vida á docencia da Lingua e literatura Galegas no ensino secundario. Deixounos textos poéticos, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e artigos xornalísticos. A súa experiencia musical influíu na súa creación literaria, como deixa constancia nalgúns ensaios e artigos, falando da relación entre a palabra e a música. Desenvolveu unha intensa actividade cultural e implicouse socialmente en defensa da lingua galega: formou parte da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foi membro activo da Mesa pola Normalización Lingüística, participou no Foro Negro, no Foro da Cultura Galega, etc.
A morte sorprendeuna prematuramente, con tan só 46 anos, e desde ese momento sucedéronse numerosas iniciativas na súa memoria, como O Certame Literario “Luisa Villalta” e o Premio “Luisa Villalta”.

- Úrsula Heinze: nada en Colonia (Alemaña) no 1941 é licenciada en Filoloxía Inglesa e Filoloxía Alemá na Universidade de Colonia. Reside e escribe desde 1968 en Santiago de Compostela. Foi catedrática de Ensino Medio en Alemaña e lectora de alemán na Universidade de Valladolid. Fundou a sección de Galicia do PEN Club Internacional, do que foi presidenta entre 1991 e 1995. Autora de moitas novelas, relatos, ensaios, literatura infantil e xuvenil e poesía en galego e alemán. Traduciu obras do alemán para o galego e o castelán.

- Concha Blanco: Nada en Lires (Cee) en 1950, é unha das primeiras autoras de material didáctico para o ensino en galego. Profesora de colexios e institutos e impartiu e coordinou cursos de galego e proxectos de formación do profesorado. A maioría da súa obra literaria encádranse na área da literatura infantil e xuvenil. Tamén escribiu obras no campo da didáctica, dos libros de texto e da narrativa.
Obtivo varios recoñecemento pola súa obra literaria, foi galardoada co Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, recibiu o terceiro premio do Concurso Nacional de Contos Infantís Ou Facho, en 1983; foi finalista do Premio Merlín en tres ocasiones (1996, 1999 e 2003) e foi galardoada co Premio Lecturas de Gálix no 2002, entre outros.

- Marica Campo: natural de Val de Mao, no Incio, lembra ós seus pais como as persoas que lle achegaron á literatura galega. Foi una nena soñadora e rebelde ata que descubriu que quería ser misioneira. Pasou cinco anos nun convento, onde aproveitou para estudar Maxisterio e Teoloxía, e cando marchou traballou como mestra ata a súa xubilación. Escribe poesía, narrativa, teatro e libros infantís, e ademáis traduce, escribe artigos de opinión na prensa e participa en obras colectivas. Recibiu premios como o da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, e tamén o de Poesía no ano seguinte. No 2018 foi a protagonista do Día das Galegas nas Letras.

- Marilar Aleixandre: nada en Madrid en 1947 é unha feminista convencida que presume de recibir unha educación rockera escoitando o locutor Ángel Álvarez mentres se licenciaba en Bioloxía na UCM. Estableceuse como profesora de secundaria en Vigo onde, como di ela, se fixo galega. Será Catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentalas na USAL. Adoptou o galego no só como lingua literaria, senón tamén como lingua científica e dende 2017 é membro da Real Academia Galega.

Ademais, tamen lembramos a mulleres escritoras fora da nosa contorna:
Posted on 17 Outubro, 2022, in Efemérides, Escritores and tagged Dia das Escritoras, Dia de las Escritoras, Leo Autoras. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.








Deixar un comentario
Comments 0