Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz
Publicado por: antyaro
Nos últimos meses, unha das novelas “máis coruñesas” que limos no club de lectura da biblioteca de Estudos Locais foi Veleno de tinta impresa. Nela desenvólvese, a través da ollada dunha muller protagonista afouta e decidida, a sociedade da cidade da Coruña a comezos do século XX.

Veleno de tinta impresa, de Xośe A. Neira Cruz, foi a novela gañadora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo no ano 2019.
Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova… Un día, a protagonista coñece a Miguel Sawa, que acaba de chegar á Coruña para dirixir o xornal La Voz de Galicia, e decide dar un paso adiante. É o intre en que as novas máquinas, as linotypes, imprimen importantes cambios na composición da prensa e a sociedade coruñesa se debate entre o tradicionalismo e a apertura a novas ideas. Nese contexto, apoiada pola súa compañeira Herminia, a linotipista, e tamén pola súa amiga María Barbeito, Elvira Morales ten que atopar o seu futuro.
Sinopse de Veleno de tinta impresa.
Á parte da protagonista, Elvira Morales, que é unha homenaxe a María Luz Morales, a primeira directora dun xornal en España, na novela aparecen outras moitas mulleres senlleiras relacionadas coa Coruña: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, María Barbeito, Sofía Casanova… Tal e como din desde Xerais: “Veleno de tinta impresa, de Xosé A. Neira Cruz, é unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño”.





De esquerda a dereita, de arriba a abaixo: Emilia Pardo Bazán, María Luz Morales, María Barbeito, Sofía Casanova e Fanny Garrido.
Xosé A. Neira Cruz, o autor da novela, é licenciado en filoloxía italiana e en Ciencias da Información, e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela. Autor dunha extensa bibliografía que abarca desde a novela para xente adulta, a literatura infantil e xuvenil, a poesía e mesmo o ensaio, tamén resultou gañador de diversos premios literarios, coma o Premio Raíña Lupa en 2002 e 2021, o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño no 2007, o Premio Merlín en 1988 e 2000 e o Premio O Barco de Vapor nos anos 1997 e 1999, entre outros.

Relacionado
Posted on 26 Decembro, 2021, in A biblioteca recomenda, Actividades do club, Club de lectura de autores galegos, Clubes de lectura, Escritores, letras galegas, Libros lidos, Novela histórica e biográfica, Novela sobre a vida cotiá, Novela social e política, Obras and tagged club de lectura, Estudos Locais, Literatura galega, Xosé A. Neira Cruz. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.








Deixar un comentario
Comments 0