Monthly Archives: Marzo 2021

Gloria Fuertes e o 8M: as minusvaloradas

Moitas das últimas escollas para o club de lectura de Monte Alto estiveron centradas na reivindicación de mulleres coñecidas, pero quizais non tan recoñecidas en ámbitos que van máis alá do que os manuais de literatura ou mesmo a crítica nos queren achegar. A primeira foi Emilia Pardo Bazán co seu El encaje roto, unha escolma de relatos contra a violencia de xénero que nos amosou á escritora coruñesa desde unha vertente feminista que moitas persoas descoñecían. Esta semana, a do Día da Muller, é a quenda de Gloria Fuertes.

Fotografía de Gloria Fuertes de Wikimedia Commons (Escalafandra)

A todos e todas as asistentes ao club lles soaba o nome da poeta madrileña, pero a meirande parte só a relacionaba con programas da televisión dirixidos ao público infanti (Un globo, dos globos, tres globos ou La mansión de los Plaff, entre outros). Grazas a El libro de Gloria Fuertes, cunha marabillosa edición de Blackie Books que mestura poesía, biografía, fotografía e debuxos da propia autora, puidemos achegarnos a esoutra faceta da Fuertes máis descoñecida, pero non por iso menos valiosa ou de menor calidade: a súa poesía para persoas adultas.

Tivemos ocasión de reflexionar sobre cuestións como por que sempre se relaciona a LIX (Literatura Infantil e Xuvenil), moitas veces considerada un xénero “menor”, coas mulleres. Lembramos tamén a Pardo Bazán, sempre coñecida polo Naturalismo e historica (e convenientemente?) esquecida no eido da súa defensa feminista, e mesmo debatemos sobre artigos que menosprezaban a necesidade de reivindicar as mulleres nas letras porque “xa” existen as mulleres nas letras, coma se para acadar a verdadeira igualdade chegase con facer acto de presenza (por poñer un exemplo, basta con revisar o número de mulleres aos que se lles dedicou o Día das Letras Galegas ao longo da historia: 5 de 59).

E para celebrar este (aínda) tan necesario 8M, basten só as palabras de Gloria Fuertes:

A Jenny

Nadie le ayudó

pero él se hizo mujer

Cantar cantaba,

era la preferida de los hombres del night-club.

Me dijo:

—En toda mi vida

sólo he leído un libro,

el tuyo.

Entonces…

Le acaricié de verdad

sus pechos de mentira.

Gracias, amor

Gracias, amor

por tu imbécil comportamiento

me hiciste saber que no era verdad eso de

“poesía eres tú”.

¡Poesía soy yo!

Me dijeron:

—O te subes al carro

o tendrás que empujarlo.

Ni me subí ni lo empujé.

Me senté en la cuneta

y alrededor de mí,

a su debido tiempo,

brotaron las amapolas.

Porque todo asusta, pero non podemos deixarnos vencer polo medo.

Noelia Darriba: “O Cuarto Propio das BMC é un espazo de liberdade para falar de temáticas feministas”

O Cuarto Propio das BMC é un espazo lector feminista que nace en novembro de 2019 para seguir sumando á rede de clubs de lectura das Bibliotecas Municipais de Coruña.

A miña chegada foi máis ben o empuxón para posta en marcha. Sabía da idea que tiñan desde as bibliotecas de crear un club feminista, un bo complemento para o Centro de Interese de “Xénero e Feminismos” que hai na Biblioteca Ágora, brindáronme a oportunidade de participar na súa creación e nin o pensei, pois son dúas cousas imprescindibles na miña vida: a lectura e os feminismos.

Fai click na imaxe para ver unha vídeo-presentación do centro de interese Xénero e Feminismos

As persoas que integramos o grupo nun inicio fomos 20, o número máximo de prazas que hai por club, e este ano continuamos 12: Cris, Adrián, Noe, Marta, Natalia, Bárbara, Tono, Diego, Lore, Bea, Nuria e eu nun formato online. A modalidade virtual non é tan atractiva como a presencial (non hai o terceiro temo –tomar unhas cañas- despois da sesión) pero, sen dúbida, é unha forma de manter a unión do grupo e poder seguir compartindo lecturas. Así, seguimos reuníndonos unha vez ao mes, concretamente os primeiros mércores, onde partillamos impresións da lectura que corresponda. Mantemos unha dinámica moi horizontal, de feito non hai persoa que dinamice senón que todas imos dando primeiras impresións da lectura e, dependendo da temática, iso lévamos a outras reflexións e outros compartires máis persoais. O ano pasado no formato presencial, rotábamos a figura de dinamizadora para que cada quen probara ese rol podendo adaptalo á súa personalidade e foi moi gratificante; houbo persoas que complementaron o libro con vídeos onde falaba a autora, outras que prepararon algunha dinámica de grupo, etc. O feito de ter unha persoa de xeito rotativo que coide o espazo axuda a transformar as relacións e os vínculos que podan darse; pois aprendemos de cada quen, interiorizamos a responsabilidade que supón coidar e preparar a seguinte reunión e sentímonos coidadas sabendo que cada mes haberá unha persoa que se preocupa por levar mellor preparado o debate: temas a sacar, curiosidades, etcétera sobre o libro. Esa posta en marcha de prácticas feministas, como repartir os coidados entre as persoas do grupo, axuda a interiorizar a importancia de dar visibilidade a ese traballo que pasa desapercibido tantas veces e polo que con forza berraremos nas rúas este 8M baixo o lema: Sen coidados non hai vida.

Ás lecturas do club foron moi diversas: ensaio, novela, banda deseñada, relatos biográficos, poesía,….. e este mes de marzo, mes do teatro, estamos lendo “La casa de Bernalda Alba” de Federico García Lorca que nos fala de roles impostos e opresión pero tamén da loita pola liberdade, seguro que nos dará para moito na vindeira sesión do club. Todas as sesións son diferentes, gardo moi bos recordos da sesión sobre “Luns” con Eli Ríos porque tivemos a gran sorte de que viñera ela a falar do seu libro e foi fantástico, apagaron as luces do Ágora e nós aínda sen querer marchar, ou o relato “A esencia da cidade” de María Reimóndez coa que compartimos unha xuntanza virtual en pleno confinamento. Son moi fan das escritoras que temos aquí e sempre intento propoñer libros delas pois temos unha riqueza literaria impresionante e iso, é un luxo.

En definitiva, O Cuarto Propio das BMC é como, para Virginia Woolf en “Una Habitación Propia”, un espazo de liberdade para falar de temáticas feminista coa escusa de ler un libro, un espazo onde todas as persoas son benvidas porque o único que é necesario é a apertura para poñer en cuestión a orde establecida, unha pequena revolución interna que pode comezar cunha lectura, non é marabilloso

Noelia Darriba García.

Visibilizar o invisible: a perspectiva feminista dos clubs de lectura das BMC

Neste 8M, as Bibliotecas Municipais estamos tentando mostrarvos o noso xeito de “Visibilizar o invisible” a través da nosa labor diaria. Os clubs de lectura somos un exemplo onde podemos incidir, tertulia tras tertulia, no debate sobre os feminismos. E así levámolo facendo ao longo destes anos. Pero é verdade, que nesta última ola, somos todavía máis conscientes da necesidade de ler a máis autoras e de ter presente esta perspectiva á hora de programar lecturas, afrontar temas de debate, propor actividades etc.

Na rede de Bibliotecas Municipais da Coruña puxemos en marcha un club de lectura feminista O cuarto propio, que vén completar o amplo catálogo de accións de promoción da lectura e da igualdade e diversidade que ofrecemos, como o centro de interese Xénero e feminismos ou o club de lectura LGTB QUEERuña.

Pero ademáis, todas as compañeiras e compañeiros que coordinamos clubs de lectura, temos integrada a perspectiva feminista no noso traballo diario: lecturas e espazos de encontro e debate onde reflexionar sobre a procura da igualdade real nas nosas sociedades. E queremos mostrarvos, só como exemplos, e recomendacións lectoras, por suposto!, algúns dos títulos que estamos a ler e comentar nos diferentes grupos de lectoras que integramos os clubs de lectura das Bibliotecas Municipais:

  • O club de lectura LGTB QUEERuña está a ler Unha primavera para Aldara de Teresa Moure.
  • No club de lectura de cómic o debate céntrase no clásico de Marjane Satrapi: Persépolis.
  • Tamén na Biblioteca Forum, o club de lectura fácil: Fiando historias está con Satrapi, neste caso falan do cómic: Pollo con ciruelas.
  • As compañeiras da Biblioteca Sagrada Familia coméntannos que veñen de ler e comentar conto a conto El encaje roto de Emilia Pardo Bazán. Moito imos ler e falar sobre ela este ano, Centenario de Dona Emilia.
  • No club de lectura de Durán Loriga están lendo Vi. Una mujer minúscula de Kim Thúy.
  • O club de lectura de Estudos Locais comentan a novela Memoria do silencio de Eva Mejuto.
  • Nos clubs de lectura da Biblioteca Os Rosales, Café con libros, levamos unha media de 8 libros de autoras por 2 de escritores no que vai de curso 2020-2021. Neste mes estamos a traballar a obra de Begoña Caamaño Circe ou o pracer do azul, así que a persectiva feminista non pode estar en mellores mans que nas de Begoña e a súa revisión da mitoloxía dende o punto de vista das mulleres. Este tema da para mostra! Pronto a teremos lista.
  • As compañeiras da Biblioteca Ágora coméntannos que elas traballan cada día pola igualdade, fuxindo un pouco dos “días de”, centrándose na nosa capacidade de incidir nos debates que importan á sociedade co traballo bibliotecario ao longo do curso.
  • E xa para rematar este percorrido por diferentes grupos de lectoras, Antía Yáñez, coordinadora do club da Biblioteca Monte Alto escríbenos o seguinte texto, a raíz do modo en que elas traballan:

Moitas das últimas escollas para o club de lectura de Monte Alto estiveron centradas na reivindicación de mulleres coñecidas, pero quizais non tan recoñecidas en ámbitos que van máis alá do que os manuais de literatura ou mesmo a crítica nos queren achegar. A primeira foi Emilia Pardo Bazán co seu El encaje roto, unha escolma de relatos contra a violencia de xénero que nos amosou á escritora coruñesa desde unha vertente feminista que moitas persoas descoñecían. Esta semana, a do 8 de marzo Día da Muller, é a quenda de Gloria Fuertes.