84, Charing Cross Road
Primeiro, hai que diferenciar entre o que sería literatura epistolar -algo con vontade literaria, un único autor que asume dous papeis, unha ficción ou unha realidade ficcionada- e logo o conxunto de cartas con valor literario.
Despois, se a este valor literario se lle engade o valor bibliófilo, ese retrato da paixón polos libros, pola súa beleza, o afán de posuilos, de disfrutar do seu interior tanto como da súa apariencia…Engadimos, ademais, o compoñente histórico, ou como entre as liñas da correspondencia axuntada se pode ver ao trasluz unha época, unha sucesión de esceas vitais, de seres latexantes, que están a vivir en directo un momento e un lugar…
Xuntándoo todo temos o valor específico e crucial dunha obra como 84, Charing Cross Road.
O nome desta rúa de Londres lévanos a un punto determinado, as librarías ateigadas de volumes novos e de vello, de preciosas edicións rescatadas de riquísimas bibliotecas esfareladas pola cobiza, pola ignorancia ou pola morte e, de como o amor polos libros da autora, Helene Hanff (Filadelfia, 1916) é o punto de partida para este libro tan especial.
Desexosa de conquerir novas lecturas, Helenne Hanff ponse en contacto cos libreiros de Marks & Co, a libraría situada no número 84 da Rúa Charing Cross. Frank Doel, o empregada que se encargará de servirlle con pulcritude cada un dos seus pedidos, Frank Doel, será o seu compañeiro neste entrecruzamento epistolar no que trasluce a obsesión polos libros, por escribir, por posuir a esencia das máis diferentes obras literarias e, ao mesmo tempo, a correspondencia humana na que aboia a necesidade, a separación de dous mundos en postguerra.
As voces que van xurdindo como un corifeo arredor das figuras de Helene e Frank dan relevo e veracidade á historia, polo que se humaniza até o extremo de estenderse no tempo durante 20 anos de axuda, de comprensión mutua de dous mundos afastados máis que físicamente, no que a contención do tratamento mercantil das primeiras cartas dá paso á amizade e a familiaridade adquirida a base do humor beningno e a solidaridade de Hanff, así como a profesionalidade e o gusto polos libros da Doel.
Un libro para disfrutar se sabemos ler entre liñas, ir máis aló do texto e preguntármonos o que hai detrás de cada personaxe, deixando de sentírmonos como miróns para sentirnos espectadores dunha partida de xadrez en moitas ocasións, dun pulso intelectual noutras e dun diálogo esperanzador, humano, sempre.
Isabel Coixet levou ao teatro a historia de Helene e Frank, mentres que no cine os seus papeis foron interpretados por Anne Bancroft e Anthony Hopkins.
Posted on 28 Maio, 2012, in Club Monte Alto, Libros lidos, Obras and tagged 84 Charing Cross Road, Cartas, Helene Hanff, Literatura norteamericana. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0