Arquivo do blog
Día do Libro en Primaletras
Abril é o mes do libro por excelencia. Comeza o día 2, coa celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil, e remata o 23, coa festa do Libro. Pero, como é sabido, este ano na Coruña celebramos unha primavera enteira dos libros e das letras, de marzo a maio: Primaletras!
Con todo, cada celebración concreta ten o seu espazo na programación xeral e velaquí que o Día do Libro reclama o seu lugar nesta estación literaria.




Comezamos animando as rúas e bibliotecas o venres 22 e o sábado 23 de abril co Batallón Literario, e seguiremos coa presentación do libro “Azucre”, de Bibiana Candia, o 26 de abril na Biblioteca Rosales. O ramo ao Día do Libro será o encontro con Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa, o 4 de maio no auditorio do Centro Ágora.
Pero lembra que Primaletras non remata aquí! Aínda queda moita primavera…

E de que vai cada un deses eventos programados para o Día do Libro?
Cando e onde: 22-23 abril / Todas as bibliotecas
O Batallón Literario da man de Nelson Quinteiro Producciones percorrerá os barrios e as rúas da cidade co seu espectáculo para celebrar o Día do Libro.
Trátase dun espectáculo a modo de pasarrúas itinerante con música en directo que une unha posta en escena moi coidada cunha interpretación que reivindica a exaltación poética, a partir de textos coidadosamente escollidos presentes na literatura galega e na tradición oral de Galicia.
Seis actores e actrices caracterizados de escritor@s acompañados por un acordeonista percorrerán as rúas e prazas a golpe de versos, facendo improvisacións, agasallando poemas, recitando, escribindo versos no chan, bailando e interactuando cos e coas viandantes.
Atopa a música de Nelson Quinteiro nas bibliotecas.
Cando e onde: 26 abril, 18:30 h. / Biblioteca Rosales
Encontro coa xornalista e escritora coruñesa Bibiana Candia, quen recibiu varios premios polo seu labor xornalístico, arredor da súa obra “Azucre”.
Azucre é o relato novelado da auténtica historia de mil setecentos mozos que viaxaron a Cuba para traballar e terminaron vendidos como escravos por obra de Urbano Feijóo de Sotomayor, un galego afincado na illa que, aproveitando a situación de necesidade dos seus compatriotas, promoveu unha campaña de colonización branca e substitución da man de obra levada desde África.
Atopa o libro “Azucre” nas bibliotecas.
Cando e onde: 04 maio, 18:30 h. / Auditorio do Ágora
Encontro con Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021 por “Virtudes (e misterios”), cos clubs de lectura das bibliotecas municipais e todas as persoas interesadas. Modera o acto Lorena Gómez e acompañan ao autor Antía Yáñez e Luisa Lis.
En 1955, un pobre zapateiro emigra a Venezuela coa ilusión de regresar transformado nun rico indiano. Pero, tras varios anos sen novas del, a súa muller decide emigrar tamén, pero en dirección oposta: a Inglaterra. Xesús Fraga, neto dese malogrado matrimonio de emigrantes, reconstrúe as súas vidas e a convivencia coa soidade, o desarraigo e a inquedanza das preguntas sen resposta.
Atopa o libro “Virtudes (e misterios)” nas bibliotecas.
Bota un ollo á guía de lectura do Festival Primaletras se quedas con ganas de que che recomendemos máis libros!











