Arquivo do blog

As lecturas do Club Luns de Fórum

Perante ás portas das vacacións de Nadal convén recordar non caer no bulebule emocional que supón este período cheo moitas veces de actividades e compromisos familiares e profesionais, polos que imos transitando, case sempre, nunha especie de piloto automático, como arrastrados pola corrente. 

Dende a Biblioteca Fórum facémonos eco da famosa frase do político, científico e inventor estadounidense Benjamin Franklin para reflexionar e crear sentimento dun Nadal máis consciente:

“Unha boa conciencia é un continuo Nadal” Benjamin Franklin.

Os clubs de lectura tomamos uns días de descanso pero somos moi conscientes que esta é sen dúbida unha boa época para ler ao tempo que celebramos e descansamos. Por iso dende o Club dos Luns compartimos con vós as lecturas deste primeiro trimestre.

Estrenamos curso con “Cómo maté a mi padre” da escritora e xornalista colombiana Sara Jaramillo.

A novela é unha historia autobiográfica contada en primeira persoa polo súa protagonista, Sara Jaramillo Klinkert. A autora vai debullando algúns recordos da súa infancia na finca onde vivía cos seus pais e os seus catro irmáns, rodeada de natureza e animais. Unha infancia feliz dunha familia acomodada que se viu interrompida de forma abrupta cando o pai, avogado de profesión, faleceu a mans dun sicario. A novela formula e tenta contestar unha pregunta que ninguén puido responderlle á filla, nin á súa nai, nin aos seus irmáns: Poden 35 gramos de aceiro e un gramo de pólvora esnaquizar unha familia?.

As temáticas abordadas nas tertulias foron a Colombia dos anos 90, as consecuencias que para toda a familia, e en especial para a autora, terá a ausencia prematura do pai e na súa manifesta incapacidade para seguir adiante sen el. A loita constante contra o esquecemento que non hai maneira de gañarlle a batalla. O tono do libro é ao mesmo tempo seco, contido e conmovedor.

Da Colombia dos anos 90 pasamos á España dos anos 70 con “Los ingratos” de Pedro Simón (Premio Primavera de novela 2021).

No ano 1975 chega, a un pobo da España que empeza a baleirarse, unha mestra coa súa familia. David é o pequeno. Cun marido ausente a maior parte do tempo, Mercedes pronto necesitará axuda na casa e a Emérita, unha muller do pobo que está soa, cun pasado doloroso, trasladarase á súa casa para coidar deles e en especial de David. A historia empeza cun primeiro capítulo cheo de dureza, moi impactante. Para pasar despois a unhas páxinas cheas de travesuras e risas, antes de chegar ao drama. Narrada en primeira persoa polo propio David, de forma sinxela e moi ben contada.

Los ingratos é un libro sobre a ingratitude dos adultos coas persoas que formaron parte da súa infancia. A vertixinosa mirada cara ao anhelado futuro esquecendo o pasado, coma se o que quedou atrás nunca fóra  desaparecer, coma se fose eterno e non fixese falta coidalo. E cando esa velocidade un día se detén, asáltanos a culpa, dámosnos conta que deixamos no camiño persoas que foron moi importantes no noso pasado.

Coincidindo coa entrega do Premio Princesa de Asturias das Letras 2023 ao escritor xaponés Haruki Murakami, abordamos a lectura de “Sputnik, mi amor”

Baixo o pretexto dunha relación triangular entre o narrador (un anónimo profesor de primaria), Sumire (a súa amiga da que está namorado) e Myû (unha fermosa e enigmática muller de mediana idade), Murakami converte esta breve novela nun canto á soidade, o amor, a paixón e a existencia.

Estamos ante unha historia de amor e desamor, tres amores que se entrecruzan, tres corazóns buscando a súa identidade, tres personalidades seguindo as súas vidas, tal vez rutineiras, pero aínda así atrapan a atención do lector. A novela explora varias situacións, o amor, a soidade, a relacion intraxénero, a búsqueda desesperada, o xénero epistolar ( parcial nesta obra ) o oficio de escritor e a achega non dun triangulo amoroso, mais ben dun amor triangular.

Cambiamos de xénero e estilo con “Se acabó el pastel” da escritora, produtora, guionista e directora de cinema Nora Ephron.  é coñecida por escribir o guion de ‘Silkwood’ ou ‘Cando Harry atopou a Sally’ e dirixir películas como ‘Algo para lembrar’ e ‘Julie e Julia’. Dous anos antes de morrer viu a luz o seu último libro, ‘No me acuerdo de nada’. ‘Se acabó el pastel” publicouse no 1983 e é a súa única novela. 

Trátase dun libro un pouco diferente, son as divagacións de Rachel, unha escritora de libros de cociña, nai dun neno pequeno, embarazada e casada con Mark, xornalista. Neste caso Rachel escribe un libro diferente, con algunhas receitas pero sobre todo cóntanos a súa historia desde que descobre unha cousa que lle cambiará o seu matrimonio e a súa vida en xeral.

Non é unha lectura moi profunda, mais ben lixeira, curta, entretida, fácil de ler, cun toque de humor constante pero sutil, moi cínica e irreverente co que se debe dicir, o “politicamente correcto”. Trátase dunha historia bastante divertida, sen pretensións, ao máis puro estilo sitcom dos 90, ao parecer está inspirada na propia vida da autora e a súa relación con quen foi o seu marido, Carl Bernstein, un dos xornalistas do caso Watergate. Estamos falando dun entorno de clase media alta americana, en dúas cidades estadounidense: Washington e Nueva Iork.

Contextualizando co estreno da película “Un amor” dirixida pola cineasta Isabel Coixet, decantámonos pola lectura do nome homónimo e do que probablemente moitos de vós xa tivestes ocasión de ler. Trátase dun libro breve, 186 páxinas, onde aparentemente non pasa nada especial: unha xove de trinta anos múdase a un pobo afastado de todo para empezar unha nova vida. Con todo, é precisamente esta historia disfrazada de cotiandade xunto coa maneira de escribir de Sara Mesa o que fai este libro especial e adictivo. E é que nos sentimos máis identificados cos acontecementos que se van narrando e mesmo coa protagonista.

Na novela aparecen temas como a soidade ou a falta de entendemento entre un pobo que se nega a abrirse e a aceptar a quen veña de fóra e non se adapta aos seus costumes. Todo nunha atmosfera sufocante, uns personaxes desasosegantes e un ritmo lento son o caldo de cultivo para a obsesión da protagonista, unha muller que foxe dun pasado, sen darse conta de que o único camiño posible é o autocoñecemento, o traballo interior.

Continuamos de novo cunha novela breve “La mejor voluntad” de Jane Smiley autora dunha vintena de obras de ficción e ensaio. «Heredarás la tierra» (1991) valeulle o Premio Pulitzer de narrativa e o Premio Nacional da Crítica. Desde 2001 forma parte da Academia Estadounidense das Artes e as Letras.

La mejor voluntad conta a historia dun matrimonio que decide levar unha vida autosuficiente nunha granxa a varios quilómetros do pobo máis próximo. Todo o fan eles coas súas propias mans, non teñen electricidade nin teléfono, cultivan os seus propios alimentos para autoabastecerse e apenas usan o diñeiro, realizan trueques. Imaxinaran unha vida idílica xunto ao seu fillo no medio da natureza, dándolle unha educación libre das influencias tóxicas da sociedade, coa que só teñen contacto a través do colexio. Os problemas chegan cando o neno empeza a ter unhas condutas estrañas no colexio e saen á superficie cousas que non se vían a primeira vista, facendo tambalear ese mundo que con tanto afán construíran.

Intercálase a situación actual da familia con anacos do pasado, para que o lector coñeza o suficiente para saber como chegaron a este momento actual. Carente de descricións e recordos que son prescindibles, Jane Smiley consegue atopar o equilibrio necesario para trasladar ao lector e que pareza que, neste caso, leva con Bob desde o inicio, desde que construíu coas súas propias mans a casa. Bob e Liz fannos pensar nos excesos cos que vivimos a día de hoxe. Temas como os fillos, a familia e as relacións quedan remarcados durante toda a novela.

Rematamos este primeiro trimestre cun título que se coou nalgunha lista dos mellores do ano, falamos de “Salir de la noche” do escritor e xornalista italiano Mario Calabresi.

Nun libro que sacudiu Italia, Mario Calabresi investiga os feitos que rodearon o asasinato do seu pai e narra as consecuencias que tivo para a súa familia.
Calabresi achéganos aos duros anos do chumbo en Italia, familiarizando ao lector non italiano sobre a situación da época: a escalada de violencia e tensión entre faccións políticas dispares, os rumores e as acusacións que terminan en ameazas, asasinatos e mortes. É un exemplo da literatura testemuñal que foi, progresivamente, rescatando do esquecemento ás vítimas. Calabresi, xornalista, director da Stampa e A Repubblica, disecciona o baleiro de toda unha xeración de viúvas e orfos que foron desatendidos.

“Salir de la noche” é unha oda á familia, á forza de seguir adiante e ao amor que se comparten. É tamén un libro triste, emotivo, duro polo absurdo da violencia, frustrante por saber cantos nenos orfos conseguiu a división política, amargo por saber que o que nos conta segue ocorrendo. As últimas páxinas lense cun nó na gorxa, coa frustración de saber que este animal que somos é capaz do mellor e tamén, por desgraza, do peor.

Agardamos que algunha destas lecturas vos acompañe este nadal, podes consultar a súa dispoñibilidade a través do noso catálogo.

As lecturas do Club de lectura Fórum Luns

O club de lectura Fórum Luns, ao igual que case todos os da rede, toman unha semana de descanso e parécenos unha boa oportunidade para deixarvos as recomendacións das nosas últimas lecturas.

Comezamos o ano cun clásico, La felicidad conyugal de Lev Tolstói publicado por  Acantilado.

Serguéi Mijäilovich chega á casa de campo de Pokróvskoye para administrar a herdanza de María Alexándrovna. Ela é doce anos máis nova ca el, pero entre ambos xorde un amor que se consuma en matrimonio. Ao principio viven tempos felices; con todo, a súa felicidade verase alterada cando a parella se traslada a San Petersburgo e ao éxito de María na vida da alta sociedade acompáñenlle os ciúmes do seu esposo. As obsesións individuais, a responsabilidade e o amor fronte aos demais son claves nesta obra baseada na propia vida de Tolstói.

Desta obra resaltamos especialmente o amor de parella como tema central. A descrición dos sentimentos como o namoramento é chave, sobre todo na primeira parte da novela, na segunda parte dá a sensación  de que corre máis rápido, e entretense menos en detalles sentimentais.  Destaca tamén a gran capacidade que ten Tolstói á hora de reflectir os perfís psicolóxicos dos personaxes, a través dos que demostra que é un gran coñecedor da alma humana.

Tolstói é considerado como un dos máis grandes autores da literatura universal de todos os tempos. A súa obra é fundamental para entender o desenvolvemento da novela contemporánea, sendo o maior exemplo do movemento realista.

Seguimos con La mujer helada de Annie Ernaux (Cabaret Voltaire), autora da memoria persoal e colectiva, cuxa obra mestura finamente a literatura autobiográfica e as observacións sociolóxicas, foi galardoada co Premio Nobel de Literatura o 6 de outubro de 2022.

Narrado en primeira persoa a autora debuxa o mundo no que unha muller deixa de ter significación propia, vive nas rúas, xoga e soña para rematar nun matrimonio que nada lle aporta e cunha maternidade que se afasta do que ela unha vez imaxinou. Ernaux presenta a unha muller que se limita a seguir de forma case automática, sen ser persoa, a por unha vida que non lle dá marxe de movemento, autonomía ou queixa, conxélase porque non sente ou conxélase se cadra polo frío que deixa como único rastro a soidade que representa.

Nesta obra, Annie Ernaux segue recuperando os recordos da súa vida, neste caso para escribir sobre as liberdades (ou a ausencia delas) das mulleres da súa época. Por un lado están as mulleres loitadoras que prácticamente non teñen tempo máis que para traballar e criar aos fillos, e polo outro están as mullers acomodadas que viven nun mundo de “perfección”. Estamos ante un libro que reflexiona sobre o que debería supoñer a liberación da muller, sobre a dificultade en demostrar a súa valía nun mundo reinado por homes.

Gustou moito Llévame a casa de Jesús Carrasco e publicado por Seix Barral. Unha novela ancorada no presente profusamente recoñecible: un pobo de Toledo en 2010 e unha familia que podería ser, baixo a máscara e emendas da imaxinación, a do propio escritor. A de calquera. Unha historia arraigada nunha cotiandade tan inmediata como inexorable e dolorosa: a enfermidade e morte dos proxenitores cando os fillos teñen a súa propia vida lonxe xa do fogar familiar, o da súa patria ou casa verdadeira. Carrasco, que se consagrou con Intemperie como un dos debuts máis cegadores do panorama literario internacional, configura en Llévame a casa unha trama sólida e concentrada.

Especialmente crúa resultou a trama de La hija de la española de Karina Sainz Borgo (Lumen).

A trama está protagonizada por unha muller nova (Adelaida) que acaba de perder á súa nai (Adelaida Falcón) no medio da Venezuela chavista-madurista. “O mundo, tal e como o coñecía, comezará a derrubarse”. Era a única filla dunha nai solteira, e a partir deste intre, no medio da súa soidade, o cúmulo de males que se xeraron nestes vinte anos de dominio político de Hugo Chávez (1954-2012), o seu herdeiro no poder (Nicolás Maduro, 1962), comezaron a afectar en maior grao todos os aspectos da súa vida. En poucas páxinas a novela logra sintetizar unha gran cantidade de odios, perversións, traxedias e rápida deterioración da calidade de vida que ocorreron ao longo destas dúas décadas (“a xente enfermaba e morría tan rápido como perdía o xuízo”), e úneos dunha maneira relativamente harmónica nos meses en que se desenvolve a trama tanto no seu presente como nos recordos.

Cambiamos totalmente de rexistro tanto na temática coma na narrativa. Viaxamos ao Portugal da revolución dos caraveis a través de Los memorables de Lídia Jorge.

Ana Maria, xornalista portuguesa, regresa ao seu país para realizar un documental sobre un dos procesos máis significativos de Portugal: a Revolución dos caraveis. Volve a casa do seu pai, quen tamén foi xornalista, e atopa a foto dun grupo de revolucionarios -un militar, un cociñeiro, poetas e diversos personaxes- inmortalizados nunha imaxe tomada pouco tempo despois do acontecemento. Os seus integrantes representan unha oportunidade xornalística orixinal, a partir deles poderá narrarse o episodio fundacional da democracia portuguesa e, máis aínda, lembralo con fontes primarias; pero aínda así, as maneiras de evocalo, trinta anos despois, son diferentes, conforman un crebacabezas emocional e mnemotécnico que se contradi e complementa á vez.

Reflexioamos con esta obra sobre Portugal e as súas letras, a memoria,  os mozos e a historia recente. E pechamos cunha frase dita por un dos personaxes que queremos compartir con vós A democracia consiste en batallar coa banalidade do cotián. Que significado lle dades?.

E entramos nas vacacións con Lejos de Egipto de André Aciman (Libros del Asteroide) entre as mans.

A novela é un exercizo de memoria no que Aciman mostra a vida da súa familia en Alexandría a mediados do pasado século. É unha mirada agradecida, aínda que non evita as súas experiencias en colexios prestixiosos, cheos de violencia e castigos corporais e os desgustos da familia ao serlles arrebatados todos os bens. Unha visión moi evocadora dun mundo que desapareceu, as ceas e reunións familiares no casarón da bisavoa, nas que se falaba ata seis idiomas, incluído o ladino, conservado polos maiores da familia. Este castelán antigo pervivía aínda, desde que os xudeus foron obrigados a abandonar a Península Iberica no século XVI. Aciman escribiu un libro evocador e cheo de añoranza cara a esa nenez que nunca volverá.

E ata aquí as nosas recomendacións do segundo trimestre, agardamos que vos deran ideas para facer acopio de lecturas para estes días de descanso que temos por diante. Podedes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.