Arquivo do blog
Un lume azul de Pedro Feijoo
No marco da cidade de Vigo e na súa contorna ambiéntase a última novela de Pedro Feijoo. O inspector Mateo e a súa equipa da Brigada de Investigación Criminal enfréntanse a unha serie de crímenes cruentos e salvaxes.
A novela está narrada en primeira persoa polo propio inspector e tamén por un narrador en terceira persoa que nos deixa ás veces ir por diante das propias investigacións policiais.
Intercalados na historia, os propios personaxes describen episodios da súa vida que son importantes para tecer a trama e ir descubrindo o drama das súas vidas.
Atrapa a súa trama, maxistralmente construída, na que os acontecementos van desvelando a historia cara adiante co desenmarañamento dos crímenes pero, as voltas atrás na vida dos personaxes e o afondar nos seus sentimentos, é para min o máis valioso da novela.
É un testimonio aterrador, que corta a respiración, e que fai que nos cuestionemos de que parte estamos e ata onde é capaz de chegar un ser humano castigado, maltratado, sometido a todo tipo de degradacións.
Como di o propio autor, onde poñemos o límite da dor e ata onde podemos aguantar unha vez que nos obrigan a pasar ese límite.
Mergúllanos no máis dantesco da especie humana, nos escenarios máis terribles que nin imaxinamos que puidesen existir.
Persoalmente, encántame o título, penso que unha vez lida a novela é moi significativo, sen dúbida unha boa elección.
Moito máis alá da novela negra, para min esta é unha historia de dor e de medo, de levar aos personaxes a un sufrimento extremo e de cómo responden a eses golpes inhumanos no corpo e na alma.
Dura pero emotiva é, ao meu enterder e ata o momento, a mellor das novelas de Pedro Feijoo, a que chega máis dentro.
“E xa todo está en paz.
O lume, o mar.
A calma.
Todo.”
A novela podédela atopar nas nosas bibliotecas e tamén en formato dixital na plataforma de GaliciaLe.
Do teatro lido ás ondas: Carvalho Calero
Era o ano 2017 cando na biblioteca Sagrada Familia decidimos poñer en marcha un obradoiro de teatro lido. Considerabamos que o teatro lido encaixaba perfectamente no proxecto da biblioteca, como unha forma de estimular a lectura, achegarse ao xénero dramático, practicar a lectura pública sobre todo en galego e proporcionar un medio máis para o goce do tempo libre en grupo.
E levamos xa catro edicións deste obradoiro, que xa se converteu nun club, que se reúne semanalmente, os luns a partir das 19.30 horas, para practicar esta afección. Facémolo combinando a lectura en si de textos teatrais, con exercicios e prácticas de formación actoral. Así, aínda que o propósito é a lectura expresiva, non desbotamos xogos de expresión corporal ou de improvisación. O obxectivo final –á parte de sobre todo divertirse moito– é representar un espectáculo ao final do curso. Non nos centramos nin nunha obra concreta nin nun xénero en particular. Para estimular máis a participación e formarnos máis, escollemos fragmentos de todo tipo de textos, desde dramáticos a cómicos, e non só estritamente teatrais: tamén usamos poesías, contos e ata nos atrevemos a cantar!!
E como as persoas do club son moi ousadas, ás veces pasamos a barreira do “lido” para pasar á representación teatral completa, con escenografía e vestiario incluídos.
Trátase, como vedes, dunha experiencia moi aberta, que pode chegar ata onde queiramos. O teatro para nós non ten límites!!
Este ano comezamos o curso traballando arredor da radio. Porque a radio foi unha grande impulsora do teatro lido, a través do radioteatro, das radionovelas… E niso estabamos traballando cando nos pillou esta situación. Pero como recursos non nos faltan, decidimos aproveitar da mellor maneira a adversidade e converter o proxecto de montaxe, nun programa radiofónico en sentido literal. E para iso contamos coa inestimábel axuda de don Ricardo Carvalho Calero, a quen precisamente este ano –que mala sorte tivo o home– se lle dedica o Día das Letras Galegas. Non se poderá celebrar de maneira presencial ata o mes de outubro, pero si de maneira virtual, e para iso que mellor que o noso club de teatro, xa adoito nas artes radiofónicas despois do traballo de todo o curso.
Así, cada unha e cada un desde a súa casa, logo de perfilar un guión e de documentarnos abundantemente nas redes, achegou o seu baguiño para a pipa do viño, e construímos entre todos un noticiario especial Día das Letras Galegas, dedicado a don Ricardo Carvalho Calero.
Xogamos coa ficción e a realidade, porque a radio é o que ten: que se pode facer maxia. E así poderemos escoitar tanto á nosa querida Mercedes Queixas, profesora, investigadora, escritora e académica igual que o foi don Ricardo, como a unha carioca lendo Scórpio, un antigo alumno do colexio Fingoi, a música lusófona de A minha Embala, ou –isto é marabilla pura– unha entrevista en vivo a Carvalho Calero! E moitas cousas máis que poderedes escoitar.
Dicímosvolo en serio: se tedes ganas de coñecer máis a figura de Carvalho Calero, non só na súa faciana de escritor, senón como persoa, esta é a vosa mellor –e máis entretida– oportunidade. Dinme as rapazas do club de teatro que poderiamos montar uns anuncios radiofónicos sobre Carvalho, pero xa é moito… Hai que deixar algo para cando volva comezar o curso, pasado o verán e cando saibamos como vai ser esa “nova normalidade”. O que é certo é que sexa cal sexa, o club de teatro vai seguir funcionando, e desde aquí invitámosvos a participar nel. Non tedes curiosidade? Atrevédesvos? Tedes valentía para probar? A diversión está garantida! E quen sabe, se cadra nuns meses estades facendo a competencia, ou mesmo desbancando, ás grandes estrelas da radiodifusión ou da escena!!
E agora, pasádeo ben con don Ricardo Carvalho Calero, que seguro que tras escoitar o noso noticiario ides collerlle cariño, xa veredes.
E se queredes escoitalo sen imaxes, podedes acceder ao podcast desde iVoox:
Ao Paso Dos Versos: O Día da Danza en tempos de confinamento

Eu simplemente bailaba e, un día, sin saber cómo, atopeime escribindo co meu propio corpo”
Pina Bausch
Abril é un mes de celebracións, trala resaca deixada polo Día do Libro continuamos a festexar. Desde as Bibliotecas Municipais da Coruña apostamos por poñer en valor a danza e difundir esta arte a través da iniciativa AoPasoDosVersos, uníndonos deste xeito a todas aquelas persoas que nestes días non tiveron motivos polos que bailar, pero atoparon unha razón para facelo.
Como cada 29 de abril vense conmemorando o Día internacional da Danza, esta data xurde en lembranza do nacemento do bailarín e coreógrafo francés Jean-Georges Noverre, considerado o creador do ballet moderno.
Este ano parece todavía máis necesario participar, estar presente nesta celebración. A danza é liberdade, move as persoas cando o mundo nos paraliza ou se paraliza. Se podemos bailar xuntos, podemos vivir xuntos. O obxectivo do Día Internacional da Danza é reunir a todos os que elixiron esta forma de expresión para superar todo tipo de barreiras culturais, políticas e éticas e celebrar a danza e a súa diversidade.
Son tempos de confinamento pero eso non significa que non poidamos disfrutar e bailar. Desde as Bibliotecas propoñémosvos un selección de recomendacións que vos estarán esperado á volta, para cando abramos de novo as nosas portas.
Atoparedes historias cheas de autosuperación e aprendizaxe como a novela gráfica Polina; o maravilloso documental e experimento educativo Five days to dance; Yuli, a última película de Iciar Bollaín baseada na autobiografía do bailarín cubano Carlos Acosta e Ovay, espectáculo de danza tradicional a cargo de Quique Peón.
De Isadora Duncan unha das mellores bailarinas do século XX e precursora da danza contempóranea seleccionamos Isadora: mi vida, a súa apaixoante autobiografía e Isadora: una biográfia gráfica, da ilustradora e activista estadounidense Sabrine Jones.
Recomendamos especialmente Dancing Dreams, o legado en forma de imaxes da xenio da danza Pina Bausch, extraordinario documental que conta a aventura que a bailarina emprende montando o seu famoso espectáculo Kontakthof con rapaces que nunca pisaran un escenario. E como non, Pina, o fermoso film de Wim Wenders que homenaxea a figura da mítica creadora que reinventou os cánones da danza clásica para mostrar a capacidade do movemento como forma de transgresión.
Pechamos cas fermosas e inspiradoras palabras do bailarín e coreógrafo sudafricano Gregory Vuyani Maqoma, autor do manifesto que todos os anos encarga o ITI (Instituto Internacional do Teatro da UNESCO) a unha personalidade da danza para conmemorar este día:
A medida que bailamos cos nosos corpos caendo no espazo e enredando xuntos convertémonos nunha forza de movemento tecendo corazóns, tocando almas e proporcionando curación que é tan desesperadamente necesaria.
E o desafío convértese nunha soa danza, invencible e indivisible. ¡Todo o que necesitamos agora é bailar un pouco máis!
Lembrade que todos estes materiais os podedes consultar a través do Cátalogo das Bibliotecas Municipais da Coruña.
Xa por último, compartimos con vós a felicitación audiovisual elaborada polas Bibliotecas Municipais e o noso desexo de que pronto bailemos xuntxs!!
Seguimos tecendo corazóns, tocando almas, procurando alento…!!!












