Author Archives: xavier campos
Arrinca Dáte ao lote! na Biblioteca Ágora
Non vos ten pasado iso de estar vendo unha película, ou lendo un libro, ou escoitando un disco, e vírsevos á cabeza algún outro lido, visto, escoitado … noutro momento, ao que por algún motivo vos lembra? Ou de estardes a gozar cun libro no que se fala doutro e entrarvos entón gañas de buscalo e lelo tamén? Ou de darvos conta das similitudes que somos quen de percibir entre un filme e un libro de diferentes épocas e contextos? Ese tipo de relacións subxectivas e que cadaquén de nós realiza en función do seu fondo de experiencias é do que parte a iniciativa Dáte ao lote! da Biblioteca Ágora, coa idea de ofrecer ás nosas usuarias e usuarios a posibilidade de descubrir -e contrastar – os vínculos que se poden dar entre moitos dos materiais ben diferentes que temos no noso espazo.
Poñamos uns exemplos, para acabar de nos explicar mellor: a quen coñece o mito da caverna de Platón, non lle resulta familiar a trama de Matrix ou La sociedad del espectáculo de Debord? Quen goste dos cómics de Saga non revive doutra forma a historia de amor de Romeo e Xulieta? Quen veu a película Al otro lado, de Fatih Akin, non lle voltará á cabeza de se achegar a En vías de extinción ou a Dende o conflito, de María Reimóndez? Quen gostou de La gran belleza de Sorrentino non atopará semellanzas co clásico O Gatopardo, de Lampedusa, e coa Dolce Vita de Fellini? Quen ve Manderlay de Lars Von Trier non pensa nas consecuencias da dominación que se poden ler nas novelas de Chinua Achebe ou no auto-odio lingüístico de grande parte da nosa propia poboación? Non é doado sentir apetite por El cuaderno gris de Josep Pla ou polos Ensayos completos de Montaigne despois de ler Iñaki Uriarte? Non é sinxelo decatarse de que a rabia á América branca e racista do Boris Vian do Cuspirei sobre as vosas tumbas é moi semellante á dun certo rap -do que Public Enemy foron mostra inmellorada- que debuxou a diana dos seus versos sobre os mesmos obxectivos wasp?
Pois sobre este tipo de relacións é que se conformaron os primeiros 26 lotes cos que arrinca o programa Dáte ao lote! da Biblioteca Ágora. Para explicarvos de maneira moi sintética e sinxela os contidos e o funcionamento dos mesmos, vai un breve FAQ con todo o que tedes que saber.
Que é Dáte ao lote?
Unha proposta da Biblioteca Ágora coa que podedes levar en préstamo lotes de materiais relacionados entre si.
Que leva cada lote?
Depende. Unha novela, una película e un cd. Un libro de ensaio, un cómic e un libro de poemas. Dous filmes e unha novela gráfica… As opcións son moitas e cada lote é diferente. Pero en todos eles hai sempre 3 documentos, gardados nunha mochila ben bonita co logotipo do programa.
Como creamos cada lote?
Os materiais de cada lote están relacionados entre si polo tema, pola forma de transladarnos unha idea, polo enfoque co que abordan unha mesma cuestión, …
Como se fai e canto dura o préstamo?
O préstamo de cada lote faise na nosa Biblioteca, aínda que tamén podes pedir o lote que che interese desde calquera outra das da rede municipal e mandámoscho a ela, se che resulta máis cómodo. A duración do préstamo é dun mes. E finalmente podes ver o contido de cada lote ao remate deste mesmo post.
Cóntanos que che parece…
Con cada lote vai unha enquisa de valoración, para sabermos a túa opinión e atendermos as túas propostas de mellora, e tamén un dossier con materiais complementares, para enriquecer a túa lectura.
Proba, e dáte ao lote!
Temos 26 lotes á túa disposición, todos eles ben interesantes e suxestivos.
Agardamos que esta iniciativa que poñemos en marcha, e destinada ao público adulto, vos resulte de interese. Con ela son xa tres as posibilidades de préstamo en lote que temos na Biblioteca Ágora, en tanto a proposta Dáte ao lote! vén sumarse ao préstamo dos BBlotes e ao préstamo dos lotes de recursos de lectura, ambos vinculados co programa BBteca.
Queremos rematar este post dándovos a posibilidade de que coñezades directamente os contidos desta nova iniciativa. Botádelles un ollo e vinde pola nosa Biblioteca a por eles, estaremos encantad@s de atendervos!
29 de abril, o día das verbas que danzan
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña quixemos neste 2014 unirnos á celebración do Día Internacional da Danza a través de dúas actividades vinculadas á Biblioteca Ágora: a proxección do video Verbas que Danzan e a elaboración e difusión dunha mostra homónima, pensada para público adulto e que recolle materiais diversos arredor das artes do movemento corporal.
Canto ao video, no blog Suma Ágora fomos ofrecendo nos pasados meses información detallada do seu proceso de creación, que rematou coa presentación pública do mesmo nunha das seccións do festival Por amor al arte, en febreiro deste mesmo ano. Na súa realización, a cargo das compañeiras Clara Porta, Eva Vieites, Nelson R. Avilez, Natalia López Ponlla e Xavier Campos, contouse coa colaboración da bailarina profesional Carla López Ponlla, coruñesa afincada en Estados Unidos por estar vinculada ao Tulsa Ballet.
Pola súa banda, a mostra Verbas que danzan está a disposición das e dos usuarios do 14 de abril ao 14 de maio, e confórmase con discos, filmes, documentais, novelas e libros de ensaio relacionados de maneira directa ou indirecta coa danza e o baile. Cisne negro, Pina Bausch, Billy Elliot, Sempre quixen bailar un tango, Cascanueces, … son algúns dos materiais que as persoas interesadas poden atopar na mesma.
Deixámosvos co texto creado para o audiovisual, ao tempo que vos convidamos a achegarvos e descubrir máis sobre o mundo da danza a través desta sinxela pero bonita actividade da Biblioteca Municipal Ágora.
rozar a textura, o tacto, a calidade das palabras. pousar nas mans, a túa man na miña, e sentir a vida, poder apalpar cada latexo. márcase o que somos no lombo da tarde, cómbase por riba dos teus sorrisos, nos corpos a danzaren sobre as horas. todo é violento e todo brilla, leo. todo está ferido e todo nos salva.
gústame sentirte do meu lado, por onde medran os soños e a escrita avanza cara o ventre do silencio. gústame dicirte, vivirte, espirte de camisa negra e ollos vermellos, aloumiñarte de neno e amante e pobo e alicia e drama e viaxe e noite e misterio.gústame verte bailar,
gústame ver o movemento con que escribes a vida que nos invade, con que trazas a emoción no aire que respiro.
es aquilo que preciso a cada intre, omnímoda, abrangues todo canto eu son quen de vivir e de agardar. paséote porque habitas mundos,
mudas en príncipe do reino dos doces, en nena que rebenta os lindes do posíbel, en Sherazade que me salvas das rutinas e dos medos, en cidade de músicas diversas na lembranza, en bairro de mariñeiros e agra aberta á multitude. bebo os teus velenos e morro e somos para sempre ou esperto e non estás.
a escrita do teu corpo na miña terra, o que debuxas de mans abertas no tempo desta praza das palabras. é preciso, hoxe, poñer palabras ao que se rompe, falar desde a fenda, medir a fractura e as consecuencias, o seu centro e a súa expansión. é precisa a alegría, a cultura, o alento por soñar e danzar a esperanza da vida.xunt@s os libros arden mal, as letras infectan de futuro canto hoxe nos rouban os homes grises.
gústame verte bailar, mirarte na contorna do poema que me dictas, ofrecerche os meus pés para que subas e camiñemos. gústame tocar a túa boca e rachar os reloxos, desaprender para admirarme contigo, amarte contra toda esperanza, mergullarme nas palabras que me gardas e me dás, que me ofreces xenerosa e libre e luz.
vémonos, a diario, na praza das palabras, entre as verbas que danzan, nos espazos do común, teus e meus e de tod@s, onde a vida abre as portas e as palabras se acompasan ao ritmo dos teus latexos.
Manuel Álvarez Torneiro, primeiro Premio Nacional de Poesía para a nosa lingua.
Tamén quixemos, si, tocar o ceo / con estas mans humanas. E quixemos / gardar o mar para cando non houbera / e unha fiestra no núcleo do feitizo, / un óboe na noite cando xa non quedaran / bágoas ou pombas, aloumiñantes sedas, / e parira o marfil arritmias mortas, / certeiros navallazos de fatiga. /
Quixemos, si, entre Bach e a a crueldade / vencer a sombra do temor, ser altos / e luminosos fillos das fogueiras, / perfectamente puros, / empeñados no verbo e na tormenta. /
Quixemos, si, ser bos, ser simplemente bos, / tocar o peito anónimo do heroe, / ser carne e flor do canto máis cumprido, / verternos de resina nos orgasmos, / morrer de ter vivido dignamente.
Manuel Álvarez Torneiro, Fértil corpo do soño (1986)
A poesía galega continúa a recibir recoñecementos fóra das nosas fronteiras, sexa a través de valoracións críticas sexa a través de premios, como o que neste caso -o Premio Nacional de Poesía- recae na obra Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro. A nova que coñecemos a pasada semana confirma a boa saúde da creación poética na nosa lingua, e supón un claro recoñecemento para a figura deste autor de perfil pouco ou nada mediático e de solvente, longa e sólida traxectoria. Como sinalaba o xornal Sermos Galiza, “o libro leva camiño de se converter no máis premiado da nosa historia literaria, co Premio da Crítica Española, o da AELG e o Ánxel Casal da Asociación de Editores.”
Para sabermos máis sobre a obra e o autor, resulta de interese achegarse á súa autobiografía publicada na BVG en 2002 e á páxina da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, onde podemos ver diferentes entrevistas.
Cantares Gallegos, 150 anos , homenaxe na Coruña
Se algunha obra ten carácter mítico e fundacional na recuperación literaria da nosa lingua e cultura esa é Cantares Gallegos, coa que dá comezo o chamado Rexurdimento cultural de Galicia e coa que Rosalía de Castro se erixiu naquel momento, e xa para sempre, en figura central da nación dos galegos e galegas. Mañá, 17 de maio, cúmprense 150 anos da súa publicación, ou máis ben da data na que a súa autora asina a dedicatoria do libro á escritora andaluza Fernán Caballero, seudónimo de Cecilia Böhl de Faber.
Reducida durante anos a figura prototípica da Galicia sumisa, queixosa e melancólica –con intencións nada inocentes-, estudosos da súa obra como Francisco Rodríguez (Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria) teñen conseguido por fin que hoxe sexa sentida e divulgada a súa obra como propia dunha autora complexa, moderna e claramente progresista, situada ao carón do pobo desde unha posición cívica e social que non admite dúbidas canto á defensa das mulleres, a denuncia da emigración ou a propia percepción e difusión da identidade nacional de Galicia.
Do éxito do libro dan conta o convite que a autora recibiu para participar nos Jocs Florals de Barcelona ou a celebración que do mesmo fixeron poetas portugueses da talla de Antero de Quental ou Teófilo Braga, mais especialmente o feito de ter sido recoñecido unanimente como alicerce simbólico da recuperación cultural e identitaria do país.

Exemplar dunha primeira edición de Cantares Gallegos, dispoñibel na Biblioteca de Estudos Locais, conservado coa sua encadernación orixinal.
Con motivo da celebración dos 150 anos de Cantares Gallegos a cidade da Coruña, a única na que o seu principal teatro leva o nome de Rosalía, celebra unha homenaxe cívica á autora, homenaxe que á súa vez conmemora o que a cidade xa tributara a Manuel Murguía, o seu marido, en 1913, con motivo do seu 80 aniversario. A homenaxe terá lugar en dous actos:
- Este xoves 16 de maio ás 20 horas preséntanse en Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22 A Coruña) dúas novas edicións de Cantares Gallegos, a cargo de Pepe Barro e de Anxo Angueira, respectivamente. A fermosa edición de Pepe Barro destaca pola calidade creativa da súa parte gráfica e visual, e está a cargo de El Patito Editorial. A de Anxo Angueira -ademais de erudito, gran rapsoda dos versos de Rosalía- pola lectura anovada e crítica que ofrece da obra rosaliana.
- O domingo 19 ás 19 horas no Teatro Rosalia un concerto – recital levará a poesía rosaliana ao público a través da música e das voces de diferentes artistas de noso.
Ficamos convidados, todos e todas, a celebrarmos nunha data central do noso calendario cultural unha efeméride que marcou para ben a nosa historia como pobo: desde a literatura e desde Nós, a defensa da xustiza, da igualdade e da fraternidade, na voz universal de Rosalía.
Guerra de Identidade de Déborah Vukusic
Onte, na Biblioteca de Ágora, dentro da programación de Ráfagas (proxecto transversal e multidisciplinar a caron da exposición de Gervasio Sanchez, Sarajevo, guerra y paz) tivemos a sorte de contar coa presencia de Déborah Vukusic, metade galega e metade croata, que escribe no 2008 “Guerra de identidade“, poemario no que retrata ao mesmo tempo o desmembramento da antigua Iugoslavia e o da súa familia.
A poesía de Déborah Vukusic é un exorcismo persoal, un axuste de contas consigo mesma e co seu pasado. A súa Guerra de Identidade é fundamentalmente unha guerra persoal, a da moza que descobre o papel do seu pai no conflito armado que destruíu o seu territorio da infancia, a da filla que cuspe a raiba que leva dentro e di ao pai á cara: “es un asasino”. Podería ter sido en calquera parte do mundo, mais foi nos Balcáns. O pai, croata, ex xogador de balonman en varios equipos galegos; a nai, galega. E ela, Déborah, unha adolescente que enfronta os conflitos da súa idade, acrescentados por unha situación excepcional: a vivencia do horror.
Se ler os seus textos supón ollarmos, arrepiados, unha vida marcada pola violencia e aberta en canal, o seu recital de onte na Biblitoteca Ágora foi un exercicio de nudez, de tensión e de emoción, capaz de sumir aos asistentes nun silencio intenso e roto, marcado pola fereza, polas imaxes e polas feridas das palabras de Déborah. A autora recitou os textos centrais das dúas primeiras partes da súa Guerra de Identidade e foi mostrando, despois ,diferentes imaxes da súa última viaxe a Zagreb, da súa familia alí e das paisaxes urbanas daquel país, a partir das cais convidou ás e aos asistentes a titular cada unha delas nunha procura da esencia e das metáforas que cada fotografía encerraba.
Un debate final de media hora coas persoas asistentes, moi participativas en todo momento, sobre a súa poesía e sobre as causas sociopolíticas do conflito dos Balcáns pechou o acto. Se queredes saber mais de Vukusic podedes ler algunha das entrevistas que atopamos na rede.
ACTUALIZACIÓN 20/11/2012:
Xa podedes escoitar o audio da intervención de Deborah Vukusic na Biblioteca do Ágora:




























