Author Archives: nmartinezrey

Presentación da obra “Los libros prestados”, de Xabier López López

Mañá xoves 18 de abril, na Biblioteca Municipal Ágora, terá lugar a presentación da obra de Xabier López López:  “Los libros prestados“, editada en marzo de 2013 en castelán por Libros de Pizarra.

Unha obra composta de catro relatos de xénero e temática completamente diferente, pero que teñen algo en común. En palabras do propio autor, os protagonistas de todos os relatos non son os libros senón os lectores, isto é, o importante é contar o que agochan as vidas dos que len.

Los libros prestados

A vida do catedrático Gutiérrez de Azpiaza que sobrevive a unha horrible e misteriosa matanza o 15 de xaneiro de 1943, en plena II Guerra Mundial, en “El corazón de la taiga”. A vida do Señor André, vendedor de enciclopedias, e a súa relación coa bibliotecaria Isabella, retratata en “La noche de Walpurgis”.  E a vida dun guionista obsesionado por devolver persoalmente todos aqueles libros que algunha vez lle deixaron e que por unha ou outra razón non devolvera no seu momento, contada en “Los libros prestados”, relato que tamén dá título a toda a obra. Para rematar finalmente no último relato “Discurso del método” coa disertación do protagonista que conclúe que o único relevante é o acto literario en si mesmo:

“Lo importante para la humanidad no es lo que se escribe sino el porqué y el cómo de la escritura, esto es, por qué y cómo se escribe”

Podedes atopar este libro nas nosas Bibliotecas Municipais, tanto a edición en castelán como a edición orixinal en galego. E se queredes saber máis da obra e do autor, nos vos perdades a presentación!

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Como todos os anos por esta data celébrase a nivel mundial o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coincidindo co día de nacemento do famoso escritor danés Hans Christian Andersen.

Promovida polo International Board on Books for Young People (IBBY), a celebración desta data ten como obxectivo fomentar a lectura entre os máis pequenos e poñer de manifesto a importancia da literatura infantil e xuvenil na consecución do mesmo. Cada ano, un dos países membros do IBBY é o encargado da edición do cartel representativo e de crear unha mensaxe dirixida a todos os rapaces e rapazas do mundo. Neste caso, a sección norteamericana é  a responsable do póster deste ano e o diseño corre a cargo de Ashley Bryan:

Poster_DLI_2013

Pola súa banda, a fermosa mensaxe que se lanza a nenos e nenas foi elaborada pola autora mexicana Pat Mora e traducida ao galego por Concha Blanco:

Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.
Oímos murmurios
e ríos buliciosos nas súas páxinas,
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.
Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
e nenos que atrapan as estrelas.
Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.

Dende as Bibliotecas Municipais de A Coruña únimonos a esta celebración tan especial coas seguintes actividades:

  • Exposicións de libros infantís nas seguintes bibliotecas: Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosales e Ágora. Selección de novidades, libros premiados e tesouros imprescindibles que fascinarán tanto a maiores como pequenos.
  • Na Biblioteca de Rosales, ademais da mostra de libros infantís, haberá unha exposición complementaria para descubrir por que se celebra este día o 2 de abril e coñecer máis e mellor a Hans Christian Andersen.
  • Na Biblioteca de Castrillón: contacontos para nenos e nenas de 3 a 5 anos ás 17.30 h.

Podedes ver, ademáis as fotiños que imos sacando das mostras no noso Flickr.

Non esquezades que as mellores viaxes se fan, dende ben pequeniños, a través da lectura. ¡Agardámosvos!