Fin de tempada do Club de lectura Fórum Luns


O Club de lectura Fórum Luns rematou os seus encontros semanais por esta tempada para desfrutar do verán e volver con máis azos en setembro. Coma soe acontecer, o trimestre foi intenso, no que abordamos moi diferentes e variadas propostas que agora queremos compartir convosco porque calquera delas pode ser unha boa lectura para este tempo de lecer que temos por diante.

Comezamos a volta das vacacións de Semana Santa con novela de intriga e misterio, “Los cuerpos extraños” do escritor madrileño Lorenzo Silva. Desfrutamos as aventuras de Bevilacqua e Chamorro, os gardas civís que debutaron en “El lejano país de los estanques”, en 1995, converténdose nos personaxes máis populares de Lorenzo Silva.

“Los cuerpos extraños”, é a oitava entrega e do mesmo xeito que as anteriores reflicte os acontecementos da España actual. Un dato curioso é que se supón que a saga transcorre en tempo real, ou sexa que a acción de cada libro sucede no momento no que se publica. De feito, Bevilacqua ten máis ou menos a mesma idade que Silva e vai evolucionando con el. Neste caso o brigada Bevilacqua debe trasladarse súbitamente coa súa compañeira Chamorro e outros membros do seu equipo á costa levantina. Alí deben resolver o turbio asasinato dunha alcaldesa, cuxo corpo foi achado na praia por uns turistas.

Silva toma como escusa a trama policíaca para retratar a estendida falta de valores da sociedade actual. No medio dunha intriga moi ben construida, destacan os numerosos golpes de humor. O título está relacionado co surrealista contorno da Cidade das Artes e as Ciencias, de Valencia, cuxas instalacións se describen como “eses corpos estraños emprazados na médula daquela vella cidade”.

Nada ten que ver a historia que acontece en “El árbol de jengibre” a novela máis coñecida de Oswald Wynd (1913–1998), escrita no ano 1977 e que foi adaptada a unha miniserie televisada pola BBC en 1989.

A protagonista é Mary Mackenzie quen escribe uns cadernos, a modo de diario desde que inicia a súa viaxe desde Escocia cara a China para contraer matrimonio co seu prometido. Mary Mackenzie é unha muller que se deixa guiar polos seus ideais, os seus pensamentos, os seus sentimentos e os seus soños. Algo controlada ao comezo da súa chegada a China, o lector irá apreciando aos poucos a súa evolución, ata conseguir ser unha muller independente, aínda que en ocasións teña que loitar a contracorrente. É unha muller valente e aventureira, que empeza a confiar en si mesma cando o descobre, aínda que en ocasións, certas decisións enturben a felicidade que busca.

A historia comeza no ano 1903, así que é fácil saber o papel da muller naquela época: esposa, casa, fillos, e acatar as ordes que o marido lle dá. Pero se a iso sumamos a cultura chinesa e xaponesa daquela época, a combinación é aínda máis rechamante. Estamos ante un texto moi íntimo e sinxelo á vez, sen grandes descricións nin sentimentalismos excesivos. Un dos temas centrais  é a soidade vital, o desamparo e o crecemento persoal.

Continuamos con “La nostalgia de la Mujer Anfibio” da escritora, crítica literaria e tradutora Cristina Sánchez-Andrade. Natural de Santiago de Compostela, Cristina, actualmente vive en Madrid, onde compaxina o seu labor como novelista coa docencia universitaria e con colaboracións en distintos medios, entre eles La Voz de Galicia e El País.

A historia da novela parte dun incidente real, o naufraxio do Santa Isabel na ría de Arousa e a autora fálanos dun poboado galego no que os seus habitantes non conseguen lembrar o ocorrido, tan só teñen algúns recordos borrosos do que pasou ese 2 de xaneiro de 1921. Sen embargo Lucha Amorodio si que ten un recordo que atesoura desde que tiña dezaseis anos: un náufrago inglés co que perdeu a virxindade, un feito que marcará a súa vida, a da súa filla e tamén a da súa neta. Pero ese recordo, como o do resto dos seus veciños, está tan borroso que hai días que non cre que fose real. A narración ten pequenas pinceladas de surrealismo ou realismo máxico, e tamén algo de simbolismo, deixando oco para tradicións e supersticións, para o humor no medio do drama que subxace a toda a trama.

A combinación dun feito histórico de enorme repercusión no seu día, coa ficción permite a Cristina Sánchez-Andrade facer un singular percorrido por tres xeracións de mulleres dunha pequena comunidade pesqueira chea de personaxes memorables. Destacable é o feito de que, aínda que nesta novela hai personaxes masculinos, as mulleres do pobo son as auténticas protagonistas desta historia. A illa de Sálvora e o pobo de Oguiño son o escenario desta novela. As súas praias, rúas e casas teñen acento galego. Pódese cheirar e sentir o salitre na pel grazas a unhas descricións vívidas e ás veces “algo estrañas”.

Rematamos con “As Ramonas”, de Ana Cabaleiro. A historia dunha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia a súa meta de triunfar no mundo da arte. Mona Otero, que é como se chama a nosa protagonista, foi sancionada coa perda do carné de conducir, e o feito de non poder dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse.

Estamos ante unha historia cun carácter claramente feminista onde o rural está tamén moi presente pero visto desde unha perspectiva máis actual e moderna. Ambientada en Saídres, Lalín e Compostela (localizacións unidas pola estrada nacional 525), ponse de manifesto a diferenza entre o centrismo e a periferia, e quen define o que está no centro ou na periferia. O tema central é a vida, iso que pasa diante de nós cando abrimos os ollos. Como se vive actualmente nun interior cada vez máis avellentado que se resiste a morrer, a onde se volve frecuentemente despois de pasar a semana na cidade. Tamén como se viviu, as expectativas xeradas a redor dunha vía de tren que trouxo traballo e mortos. E a arte como método de realización persoal.

En suma “As Ramonas” resultounos unha novela divertida que vai gañando interese conforme avanza. Atoparnos con esas sorpresas e xiros ao terminar cada parte é un plus que nos convidaba a seguir lendo.

Ana Cabaleiro é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o máster de Estudos Teóricos e Comparados de Literatura e Cultura. Colabora en Sermos Galiza e no Boletín Galego de Literatura. En 2018 gañou o Premio García Barros coa novela “As Ramonas”. Nas bibliotecas municipais tes dispoñibles outras obras súas como: “Xa vemos palmeiras”, “Deixádenos remar” ou “Sapos e sereas”.

Recordade que tedes nun post anterior as lecturas da primeira e segunda tempada do club dos Luns Fórum deste ano. Agora, estamos pensando xa nas lecturas do próximo curso pero antes, temos por diante un tempo de escollas individuais para nos acompañar nestes días solleiros e de lecer, botade unha ollada ao noso catálogo!!

Descoñecido's avatar

About vanesarios

Bibliotecaria, nai, melómana, lectora e non necesariamente por esa orde. De cando en vez escribo sobre libros e música.

Posted on 31 Maio, 2024, in Club de los Lunes de Forum and tagged , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar un comentario