As lecturas do Club Luns de Fórum
Perante ás portas das vacacións de Nadal convén recordar non caer no bulebule emocional que supón este período cheo moitas veces de actividades e compromisos familiares e profesionais, polos que imos transitando, case sempre, nunha especie de piloto automático, como arrastrados pola corrente.
Dende a Biblioteca Fórum facémonos eco da famosa frase do político, científico e inventor estadounidense Benjamin Franklin para reflexionar e crear sentimento dun Nadal máis consciente:
“Unha boa conciencia é un continuo Nadal” Benjamin Franklin.
Os clubs de lectura tomamos uns días de descanso pero somos moi conscientes que esta é sen dúbida unha boa época para ler ao tempo que celebramos e descansamos. Por iso dende o Club dos Luns compartimos con vós as lecturas deste primeiro trimestre.
Estrenamos curso con “Cómo maté a mi padre” da escritora e xornalista colombiana Sara Jaramillo.
A novela é unha historia autobiográfica contada en primeira persoa polo súa protagonista, Sara Jaramillo Klinkert. A autora vai debullando algúns recordos da súa infancia na finca onde vivía cos seus pais e os seus catro irmáns, rodeada de natureza e animais. Unha infancia feliz dunha familia acomodada que se viu interrompida de forma abrupta cando o pai, avogado de profesión, faleceu a mans dun sicario. A novela formula e tenta contestar unha pregunta que ninguén puido responderlle á filla, nin á súa nai, nin aos seus irmáns: Poden 35 gramos de aceiro e un gramo de pólvora esnaquizar unha familia?.
As temáticas abordadas nas tertulias foron a Colombia dos anos 90, as consecuencias que para toda a familia, e en especial para a autora, terá a ausencia prematura do pai e na súa manifesta incapacidade para seguir adiante sen el. A loita constante contra o esquecemento que non hai maneira de gañarlle a batalla. O tono do libro é ao mesmo tempo seco, contido e conmovedor.


Da Colombia dos anos 90 pasamos á España dos anos 70 con “Los ingratos” de Pedro Simón (Premio Primavera de novela 2021).
No ano 1975 chega, a un pobo da España que empeza a baleirarse, unha mestra coa súa familia. David é o pequeno. Cun marido ausente a maior parte do tempo, Mercedes pronto necesitará axuda na casa e a Emérita, unha muller do pobo que está soa, cun pasado doloroso, trasladarase á súa casa para coidar deles e en especial de David. A historia empeza cun primeiro capítulo cheo de dureza, moi impactante. Para pasar despois a unhas páxinas cheas de travesuras e risas, antes de chegar ao drama. Narrada en primeira persoa polo propio David, de forma sinxela e moi ben contada.
Los ingratos é un libro sobre a ingratitude dos adultos coas persoas que formaron parte da súa infancia. A vertixinosa mirada cara ao anhelado futuro esquecendo o pasado, coma se o que quedou atrás nunca fóra desaparecer, coma se fose eterno e non fixese falta coidalo. E cando esa velocidade un día se detén, asáltanos a culpa, dámosnos conta que deixamos no camiño persoas que foron moi importantes no noso pasado.
Coincidindo coa entrega do Premio Princesa de Asturias das Letras 2023 ao escritor xaponés Haruki Murakami, abordamos a lectura de “Sputnik, mi amor”
Baixo o pretexto dunha relación triangular entre o narrador (un anónimo profesor de primaria), Sumire (a súa amiga da que está namorado) e Myû (unha fermosa e enigmática muller de mediana idade), Murakami converte esta breve novela nun canto á soidade, o amor, a paixón e a existencia.
Estamos ante unha historia de amor e desamor, tres amores que se entrecruzan, tres corazóns buscando a súa identidade, tres personalidades seguindo as súas vidas, tal vez rutineiras, pero aínda así atrapan a atención do lector. A novela explora varias situacións, o amor, a soidade, a relacion intraxénero, a búsqueda desesperada, o xénero epistolar ( parcial nesta obra ) o oficio de escritor e a achega non dun triangulo amoroso, mais ben dun amor triangular.


Cambiamos de xénero e estilo con “Se acabó el pastel” da escritora, produtora, guionista e directora de cinema Nora Ephron. é coñecida por escribir o guion de ‘Silkwood’ ou ‘Cando Harry atopou a Sally’ e dirixir películas como ‘Algo para lembrar’ e ‘Julie e Julia’. Dous anos antes de morrer viu a luz o seu último libro, ‘No me acuerdo de nada’. ‘Se acabó el pastel” publicouse no 1983 e é a súa única novela.
Trátase dun libro un pouco diferente, son as divagacións de Rachel, unha escritora de libros de cociña, nai dun neno pequeno, embarazada e casada con Mark, xornalista. Neste caso Rachel escribe un libro diferente, con algunhas receitas pero sobre todo cóntanos a súa historia desde que descobre unha cousa que lle cambiará o seu matrimonio e a súa vida en xeral.
Non é unha lectura moi profunda, mais ben lixeira, curta, entretida, fácil de ler, cun toque de humor constante pero sutil, moi cínica e irreverente co que se debe dicir, o “politicamente correcto”. Trátase dunha historia bastante divertida, sen pretensións, ao máis puro estilo sitcom dos 90, ao parecer está inspirada na propia vida da autora e a súa relación con quen foi o seu marido, Carl Bernstein, un dos xornalistas do caso Watergate. Estamos falando dun entorno de clase media alta americana, en dúas cidades estadounidense: Washington e Nueva Iork.
Contextualizando co estreno da película “Un amor” dirixida pola cineasta Isabel Coixet, decantámonos pola lectura do nome homónimo e do que probablemente moitos de vós xa tivestes ocasión de ler. Trátase dun libro breve, 186 páxinas, onde aparentemente non pasa nada especial: unha xove de trinta anos múdase a un pobo afastado de todo para empezar unha nova vida. Con todo, é precisamente esta historia disfrazada de cotiandade xunto coa maneira de escribir de Sara Mesa o que fai este libro especial e adictivo. E é que nos sentimos máis identificados cos acontecementos que se van narrando e mesmo coa protagonista.
Na novela aparecen temas como a soidade ou a falta de entendemento entre un pobo que se nega a abrirse e a aceptar a quen veña de fóra e non se adapta aos seus costumes. Todo nunha atmosfera sufocante, uns personaxes desasosegantes e un ritmo lento son o caldo de cultivo para a obsesión da protagonista, unha muller que foxe dun pasado, sen darse conta de que o único camiño posible é o autocoñecemento, o traballo interior.


Continuamos de novo cunha novela breve “La mejor voluntad” de Jane Smiley autora dunha vintena de obras de ficción e ensaio. «Heredarás la tierra» (1991) valeulle o Premio Pulitzer de narrativa e o Premio Nacional da Crítica. Desde 2001 forma parte da Academia Estadounidense das Artes e as Letras.
La mejor voluntad conta a historia dun matrimonio que decide levar unha vida autosuficiente nunha granxa a varios quilómetros do pobo máis próximo. Todo o fan eles coas súas propias mans, non teñen electricidade nin teléfono, cultivan os seus propios alimentos para autoabastecerse e apenas usan o diñeiro, realizan trueques. Imaxinaran unha vida idílica xunto ao seu fillo no medio da natureza, dándolle unha educación libre das influencias tóxicas da sociedade, coa que só teñen contacto a través do colexio. Os problemas chegan cando o neno empeza a ter unhas condutas estrañas no colexio e saen á superficie cousas que non se vían a primeira vista, facendo tambalear ese mundo que con tanto afán construíran.
Intercálase a situación actual da familia con anacos do pasado, para que o lector coñeza o suficiente para saber como chegaron a este momento actual. Carente de descricións e recordos que son prescindibles, Jane Smiley consegue atopar o equilibrio necesario para trasladar ao lector e que pareza que, neste caso, leva con Bob desde o inicio, desde que construíu coas súas propias mans a casa. Bob e Liz fannos pensar nos excesos cos que vivimos a día de hoxe. Temas como os fillos, a familia e as relacións quedan remarcados durante toda a novela.
Rematamos este primeiro trimestre cun título que se coou nalgunha lista dos mellores do ano, falamos de “Salir de la noche” do escritor e xornalista italiano Mario Calabresi.
Nun libro que sacudiu Italia, Mario Calabresi investiga os feitos que rodearon o asasinato do seu pai e narra as consecuencias que tivo para a súa familia.
Calabresi achéganos aos duros anos do chumbo en Italia, familiarizando ao lector non italiano sobre a situación da época: a escalada de violencia e tensión entre faccións políticas dispares, os rumores e as acusacións que terminan en ameazas, asasinatos e mortes. É un exemplo da literatura testemuñal que foi, progresivamente, rescatando do esquecemento ás vítimas. Calabresi, xornalista, director da Stampa e A Repubblica, disecciona o baleiro de toda unha xeración de viúvas e orfos que foron desatendidos.
“Salir de la noche” é unha oda á familia, á forza de seguir adiante e ao amor que se comparten. É tamén un libro triste, emotivo, duro polo absurdo da violencia, frustrante por saber cantos nenos orfos conseguiu a división política, amargo por saber que o que nos conta segue ocorrendo. As últimas páxinas lense cun nó na gorxa, coa frustración de saber que este animal que somos é capaz do mellor e tamén, por desgraza, do peor.
Agardamos que algunha destas lecturas vos acompañe este nadal, podes consultar a súa dispoñibilidade a través do noso catálogo.
Posted on 18 Decembro, 2023, in Club Fórum mañás, Clubes de lectura and tagged "Fórum Luns". Bookmark the permalink. 1 comentario.










Pingback: Fin de tempada do Club de lectura Fórum Luns | Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña