Todos os días son #8m
O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, un día para reflexionar acerca dos avances logrados, reivindicar mais cambios e celebrar a valentía e determinación de tantas e tantas mulleres que loitaron e loitan por avanzar na igualdade de oportunidades. Pero cada día é 8 de marzo, cada día dos 365 do ano é unha loita para reclamar os nosos dereitos, romper estereotipos e liberarnos dunha sociedade patriarcal que relega á muller a un papel secundario.
Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña sumámonos a esta loita coa campaña #MulleresCoraxe, rendendo homenaxe a todas aquelas mulleres que, ao longo da historia romperon cos moldes que lles impoñía a sociedade na que viviron. O seu modo de ver e facer as cousas, as súas decisións e o seu traballo supuxeron un avance na defensa dos nosos dereitos.
E aproveitamos a ocasión para recomendar un lote de materiais, que forma parte da iniciativa Date ao lote! e que aborda historias de amor, resistencia e violencia nun mundo no que é preciso mudalo todo: Mulleres e activistas políticas.
O lote inclúe a novela de María Reimóndez En vías de extinción (Xerais, 2012), o poemario de Teresa Moure Eu violei o lobo feroz (Através, 2013) e a película Al otro lado (2007), dirixida por Fatih Akin. Leva ademais un dossier con material complementario, que permite relacionar e ampliar contidos. Neste caso, unha entrevista a María Reimóndez e o artigo A xeración Nós-outr@s: mulleres e ensaio en Galicia, de Montse Dopico.
“Gaia, a protagonista desta historia, é unha deses persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante.
Un día, o seu traballo como intérprete fai que a súa traxectoria se cruce coa da cantante de máis éxito do momento. Daquela, todas as certezas que ela manexara semellan estar en perigo. Ou, se cadra, é nesa intersección onde as súas pólas de montañesa políglota e viaxada poden chegar ao máis fondo do ceo”.
“Este livro, que ainda não é,
nasce duma ferida palpitante,
da dor imensa de ver-me desamparada
logo de tantas ideias libertadoras
que pulam, aí onde estais, fora destes muros,
nas ruas, nos antros mal ventilados
que não se conformam com o ar assético da democracia
Mas, sobretudo, este livro
nasce duma ferida
carnosa e suave
que ciclicamente sangra
e que levo aberta
entre as pernas.”
“As fráxiles vidas de seis persoas crúzanse durante as súas viaxes emocionais cara o perdón e a reconciliación, entre Alemania e Turquía.
Nejat non mira con bos ollos a relación que o seu pai, Ali, mantén coa prostituta Yeter. Yeter morre inesperadamente, deixando a súa filla Ayten en Turquía. Ayten, lesbiana e activista política, escapa a Alemania onde é acollida por Lotte. Susanne, nai de Lotte, está en contra desta situación”.
Premio ao mellor guión no Festival de Cannes, 2007
Premio Lux do Parlamento Europeo para o Cine, 2007
Lembrade que podedes seguir a campaña Mulleres Coraxe nas redes sociais coa etiqueta #mullerescoraxe, podedes participar das actividades programadas nas distintas bibliotecas da rede e podedes seguir facendo as vosas achegas á nosa wiki colaborativa.
Animámosvos a compartir con nós as vosas mulleres coraxe!!
Posted on 7 Marzo, 2016, in A biblioteca recomenda, Efemérides, Novas and tagged #8m, #recomendamosbmc, a xeracion nos-outr@s, al otro lado, Dáte ao lote!, Dia Internacional de la Mujer, en vias de extincion, eu violei ao lobo feroz, fatih akin, International Women's Day, lotes de préstamo, María Reimóndez, montse dopico, mujeres coraje, mulleres coraxe, teresa moure. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.











Deixar un comentario
Comments 0