Arquivo do blog

Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas

No club de lectura de Os Rosales, Café con libros, queremos celebrar o Día das Letras Galegas lendo galego, lendo Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.

A obra

Memorias dun neno labrego é o libro máis lido da historia da literatura galega e tamén o máis traducido a outros idiomas, contabilízanse unha vintena de traducións, ademais da novela a través da que moitos lectores inícianse na lectura en lingua galega.

“Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre”.

Así comezan as reflexións do neno protagonista. Balbino é un neno da aldea, que ten que se bater coa pobreza e as inxustizas da sociedade galega de entón. Nela, Neira Vilas pretendía contar como era o estilo de vida nos anos corenta dun rapaz labrego de doce ou trece anos nunha aldea galega, concretamente da comarca de Deza, na aldea de Gres, en Vila de Cruces. Malia non tratarse dun texto autobiográfico, parte dun escenario e mais dunha época concreta.

O libro tivo como primeiro lector a Rafael Dieste. Deseguido, Luís Seoane amosou o seu interese pola obra e fixo un debuxo para a cuberta da primeira edición. Foi moi ben acollido na diáspora galega e enviáronse a Galiza algúns centos de exemplares que foron divulgados e así mesmo tamén gozaron dun bo recibimento.

O autor

Xosé Neira Vilas naceu en novembro de 1928 en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra. En 1949 emigra a Buenos Aires, onde desempeña traballos diversos. Realiza estudios de comercio, música, xornalismo, literatura. Toma conciencia da identidade de Galicia, en contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela. Desenvolve un intenso activismo cultural galego. Secretario Xeral das Mocedades Galeguistas e co-director do periódico Adiante. Participa na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega. Casa en 1957 con Anisia Miranda, cubana. Xuntos fundan a organización libreiro-editorial Follas Novas para difundir o libro galego en América.

Publica en 1960 o poemario Dende lonxe, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego. Nese mesmo ano, 1961, Neira e Anisia van residir a Cuba. Traballa na Administración e fai xornalismo literario. En 1969 funda a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vintedous anos. Dende 1983 ata que se xubilou, desempeñouse como redactor-xefe da revista infantil Zunzún. Nos trinta e un anos que viviu en Cuba escribiu a maior parte da súa obra literaria. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presencia da emigración galega neses e noutros países de América, e deu a coñecer diversos libros arredor do tema. Radicouse, con Anisia (escritora e xornalista) en Gres, na aldea natal, onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas.

É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e La Habana, Premio da Crítica Española na categoría de narrativa e Premio da Crítica Galega na categoría de ensaio, recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Honra e numerosos premios literarios.

Actualmente ten unha sección fixa en El Correo Gallego (“Arredor do mundo”, columna dominical) e publica puntualmente artigos culturais e de tema literario en Galicia Hoxe.

Coa conmemoración do 50 aniversario da primeira edición de “Memorias dun neno labrego”, no ano 2011 celebráronse numerosas actividades. Gustaríanos deixarvos no blog unha mostra: un fragmento de “Memoria das memorias dun neno labrego” do actor Cándido Pazó, xunto coa compañía Abrapalabra:

Na sesión do club de lectura do día 22 de maio comentaremos este libro imprescindible da nosa literatura e entregaremos xa a que será a nosa derradeira lectura deste curso 2012-2013: El palacio azul de los ingenieros belgas do autor Fulgencio Argüelles.