Arquivo do blog

La bruma verde

No club de lectura da biblioteca Sagrada Familia continuamos coa nosa dose semanal de lecturas en conxunto pese ás limitacións impostas polo tempo de pandemia que nos tocou vivir. Descubrindo e apoiándonos nas tecnoloxías, mantemos as reunións ao tempo que imos aprendendo novas posibilidades de comunicación que ata non hai moito nos eran tan estrañas.

Este mes escollemos unha novidade editorial coa que, consideramos, abririamos moitas posibilidades de debate, e parece que non nos equivocamos. La bruma verde é a última novela de Gonzalo Giner e ven de gañar o Premio Fernando Lara deste ano.

Autor de firmes convicións naturalistas, nesta ocasión viaxa a África, ao mesmo corazón do continente para contar as vivencias de dúas impoñentes protagonistas, Bineka e Lola, amais de poñer o foco de atención nos atropelos e espolios sufridos por esa tan rica terra.

O centro da historia non é outro que África, en concreto a República Democrática do Congo. Neste país nace Bineka, a protagonista, e a el acude Lola na busca da súa amiga Beatriz, que foi secuestrada. O país é vítima dun espolio constante, un flagrante ataque contra a súa natureza e hábitat de innumerables especies animais, como os chimpancés, que tamén son parte importante do relato. Só a axuda das organizacións altruístas que traballan para a súa protección consegue minguar un pouco o dano infrinxido polos explotadores.

Bineka nace e vive nunha aldea da República Democrática do Congo, leva a selva no corazón e o seu verdor nos ollos. Trala perda dos seus pais, medrou baixo a protección do avó Tonuk, pero un día sucede o que nunca chegou a imaxinar. A súa aldea é asaltada por uns homes que destrúen todo o mundo que coñecía, incluídos Tonuk e Sanza, a súa mellor amiga. A súa historia acaba de comezar e ela aínda non sabe todo o periplo que lle espera.

Doutra banda presenta a Lola, alta executiva dunha multinacional telefónica, que debe viaxar ao Congo para intentar atopar sa e salva á súa amiga da infancia, Beatriz Arriondas. Beatriz traballa como cooperante e acaba de ser secuestrada. Todos os temores posibles vanse confirmando cando á súa chegada, coñecen aos responsables políticos e policiais da súa busca. Parece que terá que mirar de atopala polos seus propios medios.

O mundo cooperante preséntase nesta novela cos seus riscos, as súas riquezas e sobre todo, o seu traballo por acadar un mellor mundo para todos. Marc e Colin son compañeiros de Beatriz na ONG coa que traballa, pero descoñecen a sorte que puido correr a rapaza. Lola acepta o ofrecemento de Colin para desprazarse ao outro extremo do país, á provincia de Tshopo, nun intento de investigar as razóns e as circunstancias da desaparición de Beatriz. Será esta viaxe a que cambie a perspectiva de vida da executiva e a aproxime máis se cabe á personalidade e valores da súa amiga.

Ao longo da novela se nos presentan tamén os “malos”, as multinacionais que buscan aproveitar todos os recursos dispoñibles coa fin da máxima rendibilidade. Gobernos corruptos, con funcionarios tamén corruptos, que pechan os ollos á barbarie no momento en que perciben regaliños monetarios, aínda que as desfeitas deixen toda a natureza arrasada, vida vexetal pero tamén animal e humana. A desprotección sufrida nestes paraísos de natureza está lonxe de solucionarse mentres as necesidades do primeiro mundo se solucionen coas riquezas do terceiro.

É sen dúbida unha novela de contrastes, a riqueza e a comodidade dos privilexiados contra a vida sinxela e elemental dos nativos; o respecto á natureza destes últimos contra a violación de todos os límites no caso dos empresarios explotadores dos recursos; o amor incondicional contra a distancia máis absoluta entre dous seres que se queren; a inocencia contra a vaidade. Só podemos definila como unha novela de aventuras, verde, ecolóxica, tenra e dura á vez, proposta de optimismo e esperanza na nosa especie e profundo respecto polo mundo animal tan descoñecido en definitiva.

O autor

Nacido en Madrid en 1958, é veterinario de profesión reconvertido a escritor de éxito na súa madurez. Gonzalo Giner deuse a coñecer dentro do mundo literario en 2004 con La cuarta alianza. Unha novela histórica con grandes doses de intriga que traballa as pisadas das enigmáticas sociedades secretas. O renome e o éxito chegaríalle en 2008 co libro  El sanador de caballos, co que recrea os inicios da súa profesión de veterinario e gracias ao cal acadou tanto boas críticas como unha notable aceptación por parte dos lectores.

Giner plasmou nos seus libros a paixón que sente polos animais, adentrándose en distintos momentos da historia, como El jinete del silencio (2011), ambientada no Renacemento, ou en Pacto de lealtad (2014), onde se centra na Guerra Civil Española e no auxe do nazismo cunha inesquecible historia de amizade entre unha muller e o seu can. En 2017 volve á Idade Media plasma as construcións das grandes catedrais, en concreto das súas vidreiras, con Las ventanas del cielo. Nela a acción sae dos talleres e se expande a través dunha aventura entre destinos tan dispares como África, Terranova e Burgos.

Estas novelas sinaladas de Gonzalo Giner pódense atopar nas Bibliotecas Municipais da Coruña; a través dos enlaces nos títulos formúlanse as consultas sobre a súa dispoñibilidade para o préstamo. Nós imos continuar coas lecturas, recollemos recomendacións e esperamos que as nosas tamén sexan ben recibidas 😉