Arquivo do blog
Xabier Quiroga e A Ruta das ratas
O longo destes últimos anos algúns autores galegos, como Antón Riveiro Coello, Francisco X. Fernández Naval, ou mais recentemente Ledicia Costas e Alberto Canal, publicaron novelas moi intensas, desoladoras ás veces, sobre grandes traxedias vividas no contexto da Segunda Guerra Mundial e a atrocidade do nazismo: Laura no deserto, A noite branca, Un animal chamado néboa, O amor nos escuros días de Birkenau.
Outros, como Pedro Feijóo, en Os fillos do mar ou Carlos Reigosa, en A vinganza do defunto investigaban nas súas publicacións a presenza dos nazis en Galicia. É o caso da úlitma novela de Xabier Quiroga, Izan o da saca, Premio San Clemente 2016 na categoría de Lingua Galega, que tivemos oportunidade de compartir no Club de Lectura do Ágora do Mércores.
A partir da investigación que un político e empresario galego encarga a Reina, taxista e investigador privado que aparecera xa en O cabo do mundo, Xabier Quiroga constrúe unha narración trepidante sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a “Ruta das ratas”, o entramado organizado polos xerarcas do Terceiro Reich para permitir a fuga de nazis desde Europa a América do Sur, no seu paso polo noroeste da Península Ibérica, en concreto pola Ribeira Sacra.
A novela móvese entre dous tempos diferentes: o momento actual, no que Reina leva a cabo a investigación, e a posguerra, na que tiveron lugar certos acontecimentos verídicos nos que se enmarca a acción, e que vinculan a Galicia coa Alemania de Hitler. A forte presenza dos alemáns nas explotacións mineiras de volframio e ferro utilizados para a fabricación de armamento; a instalación das Torres do Arneiro, que facilitaban a localización dos submarinos alemáns; a utilización dos portos galegos, especialmente Vigo, como punto de saída dos U-Boot, ou o constatado refuxio dalgúns dirixentes nazis, como Walter Kutschmann en Galicia na súa fuxida cara a Arxentina… son algúns dos datos cós que Reiniña se vai atopando no desenvolvemento da súa procura.
Moitos elementos fan desta novela unha lectura altamente recomendable: O desenvolvemento da trama, que atrapa desde o primeiro momento; a elaborada caracterización dos personaxes, algún deles engaloiantes de principio a fin (Loliña, o mestre Armando, Lelia…); o dominio da linguaxe nos diferentes rexistros utilizados; as reflexións do protagonista sobre os movementos sociais e o panorama político actual, ou a propia estructura da obra, composta a partir de varias pezas que encaixan ó final para darlle sentido ó conxunto.
No escuro todo é pecho. Abres os ollos e non ves, queres falar e non das, intentas moverte e non podes. Unha mordaza tapa a túa boca e estás atado de pés e maos. Por riba, sabendo como sabes que non hai nada que poidas facer, tés a alma, ou ese inefábel hálito que te envolve, agarrada como por unha man de anguria…
Xabier Quiroga (Saviñao, 1961), deuse a coñecer como autor de narrativa con Atuado na braña, unha obra extensa pola que recibiu o Premio Losada Diéguez 2002. Reapareceu cunha novela de formato máis breve Era por setembro, 2004, a que seguirán (2006), O Cabo do Mundo, (2009), e Zapatillas rotas (2014) polas que obtivo o Premio da Crítica 2010 e 2014. Izán o da saca (2015) é a súa última novela.
No dossier que adxuntamos podes atopar mais información sobre o autor e a súa obra:
Aqui podes descargar o pdf