Arquivo do blog

23F, Día de Rosalía

Este ano conmemoramos por vez primeira o Día de Rosalía de Castro o 23 de febreiro e non o 24 como viña acontecendo. A nova data consagrouse tras unha reunión de todas as entidades e institucións implicadas na conmemoración da efeméride.
Até o de agora, coñecíase únicamente a partida bautismal de Rosalía, do 24 de febreiro de 1837, e ao ser esta a única proba documental acreditada, dábase por boa esta data para lla asignar ao nacemento da autora. En outubro do pasado ano, a investigadora Sagrario Abelleira fixo público o achado duns documentos que alteraban o que sabiamos sobre Rosalía de Castro: a data de nacemento da escritora situábase grazas a súa pescuda no día 23 de febreiro de 1837, e non no día 24, como até ese momento se pensaba.


Malia todo parece que xa existían algúns indicios que apuntaban ao día 23 de febreiro como a data real do nacemento da autora como por exemplo o de Manuel Murguía, quen no seu Diccionario de escritores gallegos, escribíu que Rosalía naceu en Santiago o 23 de febreiro de 1837.

Póster 23-F DÍA DE ROSALÍA – Un día con estrela (PDF, 592 KB) Da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío


Sexa como for, o pretexto da efeméride foi unha boa ocasión para que no Club dos Luns da Biblioteca Fórum nos achegásemos a vida da prolífica escritora a través da obra “A dama da noite” unha biografía novelada de Rosalía de Castro do escritor coruñés Xavier Seoane e publicada por edicións Laiovento.
A novela transcorre a base de capítulos curtos, e grazas á figura do narrador, Rosalía en primeira persoa, os lectores somos quen de adentrarnos en aspectos vitais e moi persoais da escritora. Ademais, Seoane bota man de recursos como as cartas da poeta e doutros personaxes, os diálogos e a continua sucesión de diferentes voces como outros escritores ou os propios familiares de Rosalía. Elementos narrativos que ao noso parecer conseguen o que pensamos que é a intención primeira do autor, aportar maior grao de verosimilitude aos feitos.
Para quen non a leu e á marxe dunha análise máis profunda, da lectura de “A dama da noite” podemos salientar que nos permitiu coñecer á Rosalía poeta pero tamén á Rosalía muller que soubo relacionarse de igual a igual cos homes nos acontecementos sociais e culturais da época que lle tocou vivir e a que non sempre se lle fai xustiza.

O autor:
Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Escritor, profesor, conferenciante, articulista, comisario de exposicións e organizador cultural, participa desde a década de 1970 na renovación cultural, artística e literaria de Galicia. Formou parte de movementos con artistas plásticos. Foi membro fundador da revista e foro «Luzes de Galiza» e do grupo poético «De amor e desamor». Conta no seu haber cunha extensa obra literaria que podedes consultar no noso catálogo.
En 2021 estréase na colección Merlín de Xerais co libro de poemas infantís «Cancións para Ana Lúa», con ilustracións de Correa Corredoira. Entre outros, recibiu os premios Cidade da Coruña, Esquío, Caixanova, Crítica Española e Espiral Maior. A súa obra está traducida a varios idiomas e foi seleccionada en múltiples antoloxías.

E vós como ides celebrar o #DíadeRosalía? Como anuncian dende a Casa Rosalía de Castro hai centos de actos e iniciativas por todo o país e dende o Club dos Luns sumámonos á iniciativa de celebralo do xeito que máis vos preste: lendo a súa obra, facendo un #caldodegloria ou interpretando unha #AlboradaparaRosalía.