As lecturas do Club dos Luns de Fórum
Comezamos o ano con novas lecturas pero facendo repaso das lidas no último trimestre do ano.
O outono estrenámolo con Volver a casa de Yaa Gyasi, a primeira novela da escritora estadounidense de orixe ganesa. Yaa Gyasi mostra un mosaico de feitos e acontecementos que abarcan desde o século XVIII ata o comezo do XXI, partindo dun tronco común que pronto se bifurca a partir de dúas mulleres, dúas irmás que non chegarán a coñecerse, e os seus descendentes. Así, coma se se tratásese dunha colección de relatos, preséntanse as vidas dos descendentes de Effia (a bela, que queda en Ghana) e dos de Esi (a escrava, que será levada a Estados Unidos). Para máis información do libro podedes consultar o post que fixo no seu momento o noso compañeiro Enrique aquí.
A Volver a casa, seguiu Las voces del desierto de Marlo Morgan. O libro narra a longa viaxe da autora polo deserto australiano en compañía dunha tribo de aboríxes, a súa transformación e integración na súa forma de entender a vida e a súa comuñón coa natureza. Marlo emprende unha viaxe que vai máis aló da superación física ou mental, trátase dun percorrido espiritual cara á verdadeira orixe e natureza do ser humano, un camiño cara á reflexión persoal e global de cara a onde estamos a ir neste aloucado mundo.
A humildade e sinxeleza do modo de vida dos aborixes australianos é transmitida a Marlo, que é aceptada por eles como a súa mensaxeira para transmitir un contundente e impactante mensaxe que merece a pena descubrir lendo o libro. Hai opinións en contra de que a viaxe e a experiencia vivida por Marlo fose real, afirmando que é ficción. Que sexa real ou non, o certo é que a mensaxe que transmite é moi positiva e profundo, merece a pena lelo.
Continuamos con La hija del Este a sexta novela de Clara Usón e segundo a crítica a mellor e máis ambiciosa de todas as que leva escritas. Nela ocúpase da recente guerra dos Balcáns. Tedes máis información neste post publicado anteriormente.
E rematamos o ano con Tierra de campos do escritor, periodista e director de cine David Trueba. Unha novela sobre os conflitos emocionais dun músico que debe enterrar ao seu pai no seu pobo natal. De feito o autor detense moito máis na narración autobiográfica, centrada sobre todo en dous puntos: a súa carreira artístico-musical e a lista dos seus amoríos, ca na propia paternidade. Trueba sabe explicar cómo nos relacionamos, como entablamos os sentimentos cun estilo sinxelo pero explicando ben a historia. O post completo aquí.
La Uruguaya de Pedro Mairal foi a primeira lectura deste recén estreado 2019.
O arxentino Pedro Mairal gañouse ao público e á crítica cunha novela que se converteu nun fenómeno editorial das letras en español. Publicada con gran éxito na Arxentina no 2016, La Uruguaya confirmou a Mairal como un dos máis destacados narradores da literatura arxentina contemporánea.
Hai sexo, diñeiro, infidelidade, humor, crise existencial, mezquindade, amargura, traizón e mesmo fútbol. Son os elementos cos que está tecida esta novela tan curta como intensa, tan apreciada polo público como pola crítica, O nome propio da uruguaia é Magalí Guerra. O protagonista do libro, o escritor Lucas Pereyra, casado e cun fillo, coñécea nun festival literario en Uruguai. Un ano despois, planea unha viaxe de Buenos Aires a Montevideo para cobrar un diñeiro (evitando as restricións cambiarias de Arxentina) e sobre todo para reencontrarse coa fermosa muller. O propio Mairal recoñece
“Me doy cuenta de que el protagonista provoca mucha identificación y no solo en los hombres. Evidentemente, las mujeres también se sienten encerradas en sus parejas, tienen amoríos mentales como el del personaje. Esa válvula de escape no corresponde solo a los hombres”
Pero a novela non é a viaxe en sí, é a reconstrución da viaxe anos despois que se ve rodeada de múltiples disgresións. Vai en ven entre os recordos, entre os detalles da súa vida conxugal, a súa infancia, os seus medos de pai moderno e as interpelacións á súa interlocutora. Non remata de saber o protagonista se o que conta, o que lembra, é o que sucedeu, o que se perdeu ou o que quixese que sucedese.
Narrada cunha brillante voz en primeira persoa, ese contarlle a alguén que pasou convértese na ferramenta literaria máis potente que usa Mairal nesta novela. Unha voz que fala ás veces a un ti (a un vos) que non é o lector, é alguén máis próximo, e que nos leva a nós, lectoras e lectores, da man e sen descanso polas súas páxinas.
La uruguaya é unha novela absolutamente contemporánea, aparentemente sinxela, pero cun estilo directo que consegue transmitirnos as sensacións polas que atravesa o protagonista. Unha novela que se comezas a lela, de seguro rematarás do tirón. En marcha está xa o guión da película da man do propio Mairal e do escritor Hernán Casciari
O autor: Pedro Mairal
Pedro Mairal naceu en Buenos Aires en 1970. A súa novela Una noche con Sabrina Love recibiu o Premio Clarín en 1998 e foi levada ao cinema. Publicou tamén as novelas El año del desierto (2005) e Salvatierra (2008), o volume de contos Hoy temprano (2001), e os libros de poesía Tigre como los pájaros (1996), Consumidor final (2003) e a triloxía Pornosonetos (2003, 2005 e 2008). En 2007 foi nomeado un dos 39 mellores novos escritores latinoamericanos polo Hai Festival de Bogotá. Traballa como guionista e escribe para distintos medios de comunicación. En 2013 publicou El gran surubí, unha novela en sonetos, e El equilibrio, unha recompilación das columnas que escribiu durante cinco anos para o diario Perfil. En 2015 publicou en Chile Maniobras de evasión, un libro de crónicas. A súa última novela, La uruguaya, recibiu en España o Premio Tigre Juan 2017 e confirmouno como un dos máis destacados autores arxentinos da súa xeración.
Posted on 10 Xaneiro, 2019, in Club de los Lunes de Forum, Libros lidos and tagged "la hija del este", "la uruguaya", "las voces del desierto", "lecturas 2018", "pedro mairal", "tierra de campos", "volver a casa", club Lunes Forum. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0