Día das Escritoras: Maria do Cebreiro, Rexina Vega, Fina Casalderrey, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Xosé Queizán, Maria Reimóndez,
Maria do Cebreiro, Rexina Vega, Fina Casalderrey, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Xosé Queizán, Maria Reimóndez e Ledicia Costas son as 8 escritoras que este ano eleximos para celebrar o Día das Escritoras.
Durante toda a semana pasada, fumos publicando a través das nosas redes sociais recomendacións literarias destas oito mulleres das nosas letras.
- María do Cebreiro: poeta e profesora/investigadora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Destacamos de maneira especial “O deserto“, que recibiu no ano 2015 o Premio da Crítica de Poesía Galega e “A lentitude“, un poemario con mensaxe esperanzadora que nos convida a reflexionar sobre a capacidade de reconstrución das persoas, publicado no ano 2017 en Libraría Chan da Pólvora.
- Rexina Vega: especialista na obra de Álvaro Cunqueiro e Premio Xerais 2007 coa súa obra Cardume. Destacamos tamén a súa segunda obra Dark Butterfly onde describe o proceso da enfermidade mental como unha lenta e consciente deriva cara á marxinación e a exclusión e critica o “fracaso do sistema sanitario”.
- Fina Casalderrey: mestra e escritora, publicou máis de cincuenta títulos dirixidos preferentemente a lectores infantís ou xuvenís aos que lles hai que sumar máis de vinte historias recollidas en volumes colectivos. Destacamos de maneira especial “O misterio dos fillos de Lúa“, polo que lle foi concedido o #PremioNacionaldeLiteratura no 1996, un dos tantos que recibiu ao longo da súa vida literaria. Dende o 2013 é membro numerario da RAG (Real Academia Galega).
- Teresa Moure: doutora en Lingüística. Gañou o Premio Lueiro Rey da novela curta en 2004 e o Premio Arcebispo San Clemente pola novela “A xeira das árbores“, ademáis do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio en 2004 por “Outro idioma é posible“, Premio Xerais de novela, Premio Aelg. Premio Rafael Dieste de Teatro en 2007 pola súa obra “Unha primavera para Aldara” e o Premio da Crítica de narrativa galega por Herba Moura, unha das obras que limos nos nosos Clubs de Lectura.
- Emma Pedreira: poeta e narradora coruñesa encadrada na Xeración dos 90. Entre outros premios, recibiu o Premio Xerais de Novela 2018 pola súa obra “Besta do seu sangue“. O Premio Literatura Erótica 2016 Narrativas Quentes por “Corazón e demais tripas“. O Premio da Crítica Española de Narrativa Galega por “Bibliópatas e fobólogos”. E o Premio Internacional de Poesía Jovellanos 2017, “El Mejor poema del mundo”, con su poema “Lista da compra da viúva”. Forma parte da Plataforma de crítica feminista A Sega, que dende 2014 celebra o “Día das Galegas nas Letras”.
- Maria Xosé Queizán: escritora, ensaísta, tradutora, activista, directora da revista Festa da palabra silenciada e pensadora feminista. É unha das autoras máis relevantes e influentes das nosas letras. No ano 2016 A Sega adicoulle o III Día das Galegas nas Letras, tanto polo seu forte compromiso feminista, como polo valor do conxunto da súa obra. Animámosvos a lela sempre porque é unha delicia.
- María Reimóndez: escritora, feminista e doutora en tradución e interpretación. A súa obra componse tanto de poesía, como de narrativa (infantil, xuvenil e de adultos), ensaio e teatro. Tamén destaca o seu traballo como tradutora, especialmente na literatura infantil.
- Ledicia Costas: escritora de imprescindible pegada na nosa literatura infantil e xuvenil e máis alá (un dos seus títulos máis recoñecidos, “Escarlatina, a cociñeira defunta“, ven de ser traducido, entre outros idiomas, ao coreano), sen esquecer que ten algunha marabilla orientada para público adulto, v.g. “Un animal chamado néboa“. Ademais, leva acumulados unha restra de premios pola súa narrativa, e inclusive polos seus versos! Entre eses galardóns destacan o #PremioNacionaldeLiteratura Infantil e Xuvenil 2015 ou o Premio Lazarillo 2017 por “A balada dos unicornios“, novidade novísima xa dispoñible nos nosos andeis!
Son todas as que están pero non están todas as que son, o ano que ven outras oito serán as elexidas, mentres, aproveitade para ler algo das homenaxeadas este ano, as súas obras atópanse nas nosas bibliotecas.
Ademais, tamen lembramos a mulleres escritoras fora da nosa contorna:
- O papel das mulleres no mundo do cómic
- Autoras LGTB
- Escritoras Nobel do S. XXI
- Dos mujeres, dos épocas, dos feministas; Rosalía de Castro y Luisa Carnés
Posted on 15 Outubro, 2018, in Efemérides, Escritores and tagged Dia das Escritoras, Dia de las Escritoras. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0