Rematamos!!!
Tras mais de nove meses de lecturas compartidas, debates sobre libros, visitas a exposicións, encontros con autores… os clubs de lectura das bibliotecas municipais tomámonos un pequeno descanso nesta esta época estival que está comezando e que sen duda traerá novas e diferentes lecturas.
Tan só nos queda achegarvos un resumo da xornada coa que cerramos o ano. Unha despedida moi especial, na que xuntamos ós lectores dos clubs de todas as bibliotecas para facer o noso particular homenaxe a Carlos Casares, autor, como ben sabedes, protagonista do Día das Letras Galegas deste 2017.
Ourense, a cidade na que o autor comezou a formarse como escritor, foi o destino escollido este ano para a nosa celebración.
Visitamos os lugares mais representativos da estancia de Casares na cidade: Parque de San Lázaro, Praza Maior, Rúa do Paseo, Alameda… nos que se situaban os cafés, librerías … (Café Parque, Librería Tanco, Volter, ou Taberna do Tucho…), nos que o escritor reuiníase con poetas, pintores e outros artistas que por entón enaltecían a cidade: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Blanco Amor; e lemos algúns fragmentos da súa obra reproducidos nas placas de cerámica que marcan os puntos do roteiro.
A chuvia acompañounos durante todo o percorrido, pero non conseguiu romper o entusiasmo dos nosos lectores que con risas e bo humor afrontaron a situación mercando paraugas, chuvasqueiros, e algún que outro par de zapatos.
Despois dun ben merecido descanso no que gozamos dos praceres gastronómicos en excelente compaña, acudimos o Liceo, entidade cultural coa que Casares estivo fortemente vinculado ó longo da súa vida. Tras facer unha foto de grupo baixo o relevo do autor, asistimos ó concerto do cantautor ourensán Emilio Rúa, que acompañándose de piano, guitarra e harmónica, ofreceunos un repertorio variado dos temas mais destacados dos seus discos. Lela, Negra sombra, La chica de ayer, María Soliña… foron algunhas das cancións que tivemos a oportunidade de escoitar, da man deste músico tan entrañable que fíxonos cantar e vibrar ó ritmo de A saia da Carolina.
En definitiva, unha xornada completa, amena e divertida, na que tivo cabida a literatura, a música, a gastronomía… pero que sobre todo permitiunos a todos os navegantes dos clubs de lectura coñecernos un pouco mellor.
Aquí vos deixamos algunhas fotos de grupo que demostran ben o que foi este fermoso día.
ATA O CURSO QUE VEN!
BOAS VACACIÓNS E FELICES LECTURAS!!
Posted on 19 Xuño, 2017, in Actividades do club, Clubes de lectura, Xeral and tagged Carlos Casares, Emilio Rúa, Letras galegas 2017, Roteiro Ourense. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0