Os fillos do mar
Hai xa máis dun mes que os clubs de lectura da Biblioteca Ágora fomos invitadas ao encontro con Pedro Feijóo na Biblioteca Rosales. Moitas grazas a Anabel e Sira por invitarnos a este evento que nos deu a oportunidade de coñecer a este adorable escritor e de compatir experiencias e lecturas con outros clubs!
Por outra banda, e aínda que por razóns diversas atrasámonos na publicación desta entrada, non queremos desaproveitar a oportunidade de recomendar a lectura da que foi a primeira novela do autor, “Os fillos do mar”, pola que obtivo o Premio Arcebispo Juan de San Clemente en 2013.
Unha novela ambientada en Vigo, por cuxas prazas e rúas acompáñanos Feijóo da man do seu personaxe principal, Simón, un mediocre e entrañable arquitecto, un “Miña Xoia” como o define o autor, e de Mariña, muller resolta e fermosa da que pronto este se namora.
A historia comeza cun encargo que recibe Simón para reconstruír unha fonte no xardín do pazo dunha familia viguesa de renome: os Dafonte-Llobet. O achádego dunhas moedas de ouro dará lugar ao arranque dunha historia trepidante, na que aparecerán tesouros, piratas, contrabandistas, nazis, e fuxidos da represión franquista. Pois aínda que estamos ante unha novela de misterio e aventuras, non faltan referencias históricas ao pasado de Vigo : á Batalla de Rande (1702) na que, no contexto da Guerra de Sucesión Española prodúcese o afundimento dos Galeóns que transportaban o ouro de América; ó tráxico episodio do asalto do Bou Eva, no contexto da guerra civil e represión franquista ; ou á presenza da Alemaña nazi en Vigo durante a Segunda Guerra Mundial. Porque, en palabras de Pedro Feijóo:
“Escribín sobre Vigo porque é a miña cidade. Sempre admiraba as novelas de Eduardo Mendoza, que me fixeron coñecer e entender Barcelona doutra maneira, ou o cine de Woody Allen con Nova York como pano de fondo. Por iso creo que as obras teñen máis forza se as vinculas ás súas cidades. A historia que conto é universal, pero pasou en Vigo…
Despois de ler con tantas gañas historias doutros apetecíame que fosen pezas galegas as que se ensamblasen e é por iso que escribín Os fillos do mar
Como mostra do que podemos atopar nesta libro deixamos estes audios no que o autor lé diferentes escenas da novela. A banda sonora é de Lamatumbá, grupo musical no que Pedro, “El Perdidito”, participou como baixo entre 2003 e 2011
Banda sonora 1 Banda sonora 2 Banda sonora 3
O resultado de todo isto é unha obra que entretén e informa; que combina axilidade con calidade literaria, e que por encima de todo, aspira a ser lida e gozada polo lector.
A min o que me deu a vida neste traballo sempre foi a consciencia de que do outro lado había un lector que a priori estaba disposto a falar contigo. Para min sempre é determinante falar con ese lector. Para min a literatura é un diálogo constante entre dúas partes que non poden existir unha sen a outra, así que se hai algo que para min sexa fundamental é a capacidade para empatizar co lector.
Se queres máis información sobre Pedro Feijóo e a súa novela, podes consultar o Dossier que elaboramos para o noso club… e para todos aqueles que queran lelo:

Dossier “Os fillos do mar” en pdf
Posted on 14 Marzo, 2016, in A biblioteca recomenda, Club Ágora, Clubes de lectura, Libros lidos, Xeral and tagged #recomendamosbmc, autores galegos, bagora, Biblioteca Agora, club de lectura agora mercores, club de lectura agora miercoles, Literatura galega, Novela de aventuras, Novela de intriga, Os fillos do mar, Pedro Feijóo. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.
Pingback: Xabier Quiroga e A Ruta das ratas | Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña
Pingback: As novelas máis prestadas na Biblioteca Os Rosales durante o ano 2016 | Blogs Clubs Lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña