Dublineses de James Joyce
De Dublineses poden dicirse mil cousas diferentes e todas serán verdade. Dicir, por exemplo, que Dublín é a auténtica protagonista dos quince relatos de Joyce e, tamén, que os personaxes, do primeiro ao último, sen tocarse entre sí dun a outro conto, forman unha unidade case novelesca.
Pódese dicir tamén que aínda que medra como un ser vivo, nacendo no primeiro relato, desenvolvéndose a través da infancia e da adolescencia nos seguintes, madurando en idade a través de cada protagonista dublinés, morre estancándose no último pero tamén é circular, volve ás súas raíces e comeza a través da morte a rexenerarse, como se rexenera unha cidade con mortes e nacementos cada día.

Dublineses de James Joyce
Pódese dicir que case un século despois (publicouse en 1914) este Dublín e aquel Dublín son a mesma cidade porque a parálise e o estancamento do que fala James Joyce é algo intrínseco do seu pobo, tal que a insularidade, tal que o carácter nórdico, tal que o frío e a chuvia irlandeses.
A través destes quince relatos a infancia, a adolescencia, a adultez e o outono da vida van perfilando o comportamento da cidade e tamén ao revés, ésta vai enmarcando o carácter de cada quen. Os nenos que xogan na rúa e de pronto descubren a realidade da doenza e da morte ou o amor e o sexo, a muller que escolle entre o sometemento e a vontade propia, a liberdade ou o matrimonio, a relixión, o alcoholismo, o determinismo de certa raza, certa situación, certa época, definíndose como algo centrípeto do lugar.
Achegarse a James Joyce (Dublín, 1882-Zurich, 1941) é recomendable facelo a través do seu retrato dublinés. A súa prosa cínica é unha representación absolutamente gráfica das xentes do seu redor, unha mostra de cada estrato da sociedade na que viviu e na que observou cada vezo ou gralla que despois descomporía para afianzar miúdos personaxes impecables que un século máis tarde seguen vivo e imperturbables até rematar na apoteose de Ulises (1922) case pensando en que todo o anterior non deixou de ser un ensaio argumental e de tipos, unha montaxe da tramoia de todo o que viría despois. Algúns mesmo xa pululan por estas páxinas case vinte a nos antes.
Abríndose e pechándose coa morte, cada un dos retratos dublineses é o que Joyce chamaría unha “epifanía”, unha pequena revelación moi íntima dunha verdade suxerida que se volve explícita de pronto. Un chispazo de luz, algo moi próximo á revelación. Desde a propia conciencia de clase até a culpa, a desintegración e os remorsos, pasando pola frustración e a inmobilidade, todos os dublineses destas páxinas conclúen no desafiuzamento; nunca conseguirán nada diferente do que o destino lles deparou, móvanse para onde se movan a parálise –de movementos ou de intencionalidade- deterá o seu progreso.
Este será o leit motiv do autor quen definiu este conxunto de relatos cunha finalidade concreta: “A miña intención era escribir un capítulo da historia moral do meu país e escollín Dublín para escenificala, porque esa cidade parecíame o centro da parálise”.
Impecable na factura, inspirador en cada liña, divertido e grotesco a un tempo, Dublineses non só é un marabilloso conxunto de relatos, senón un manual de estilo onde aínda se miran moitos escritores. “Os mortos”, o último dos relatos, case cualificado como unha novela curta dentro do libro, segue a ser un dos contos en lingua inglesa máis importante de todos os tempos e un colofón perfecto para estas estampas de Dublín.
Posted on 22 Febreiro, 2013, in Club Monte Alto, Libros lidos, Obras and tagged contos, Dublín, Dublineses, Irlanda, James Joyce, literatura irlandesa. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0