Diario de la guerra del cerdo
Posted by Biblioteca Monte Alto
Novela inclasificable, entre a literatura utópica, futurista e a realista, semella traída ao caso desde o ano da súa escrita –1969- até os nosos días. O tema de fondo é unha moi evidente crise económica que nos lembra a incerteza e a nosa propia situación como lectores. A acción trasconrre sobre un fío conductor de violencia e medo, de busca de alternativas para sair desa crise ou, polo menos, de paliar os seus efectos e ver a luz ao final dun túnel demasiado escuro.
Dende as primeiras páxinas podemos apalpar esa incomodidade que vai ir desenvolvéndose, facéndose medo e desesperación moi pouco a pouco, segundo coñecemos o personaxe de Isidoro Vidal e os seus compañeiros, todos homes entrados en anos e que se reúnen para pasar longas tardes de cartas, conversas e remembranzas do pasado.
O que é nun principio algo incomprensible, unha estraña actitude contra os vellos, vaise facendo pública e ascendente, desde o insulto á agresión e chegando á persecución e ao asasinato. Cando morre a primeira vítima de grupos de xoves violentos organizados, é cando comeza esta guerra xeracional, esta loita contra os vellos –os denominados porcos do título- e que levan aos maiores a vivir sumidos nunha vixilancia constante e desesperanzadora, levando unha vida de precaución e clandestinidade que se volve suspicaz, conspiradora e incómoda.
Isidoro Vidal, sobre quen recae todo o peso da acción, é un home que vive nun punto entre os banzos últimos da madurez e a primeira vellez. Móvese nun ambiente cercano ao perigo, consciente de que sobrepasará en breve os límites da idade permitida para a supervivencia. Aínda que ao principio a súa incredulidade obrígao a pensar que os casos de violencia e morte son illados e non responden a un patrón común de xerontofobia, pronto vivirá o temor no máis profundo, sendo obrigado a gorecerse na sombra, no silencio e na constante alerta.
O que nun principio é unha sospeita sobre que alguén está tratando de liquidar a todos os vellos, de socato convértese nunha certeza para Vidal, exposto á delación incluso polo seu propio fillo ou os seus compañeiros de partida e conversa.
É interesante ver cómo esta novela amosa diversos aspectos a destacar. Primeiro, desde un punto de vista literario, podemos ver como o ritmo vai acelerándose, subindo de ton e de claridade na súa intencionalidade. O que nas primeiras liñas é unha suposición, unha simple sospeita, declárase probado máis adiante e aínda máis adiante convértese nun perigo constante nun pavor auténtico: ser vello é unha sentencia de morte.
Por outra banda, dentro da intención da novela, vemos como utópicamente o home trata de desfacerse de todo elemento inútil para unha sociedade estritamente mercantil e produtiva e máis que nada baseada na idea da obsolescencia programada (idea moderna de máis para unha novela que ten corenta anos), onde o que xa non serve para nada, nin produce nada pero si consume efectivos debe ser separado do grupo e destruído.
É unha reflexión, sobre todo, interesante, sobre como se acepta a vellez na sociedade actual occidental, de cómo se puido plantexar nun principio unha matanza de cativos pola mesma improdutividade pero iso significaría rematar co futuro e o porco, do que neste caso non se pode aproveitar absolutamente nada, é o vello que xa non rende. Todo pasando pola riba da premisa de que o tempo nos iguala a todos, que a xuventude é unha doenza que o tempo cura, e que precisamente os verdugos serán mañá, probablemente, novas vítimas.
Adolfo Bioy Casares (Buenos Aires, Argentina; 15 de septiembre de 1914 – ibídem, 8 de marzo de 1999) foir un importante escritor argentino que frecuentou as literaturas fantástica, policial e de ciencia ficción. Debe, ademais, parte do seu recoñecemento á súa amizade con Jorge Luis Borges, con quen colaborou literariamente en varias ocasións. Este considerouno un dos máis notables escritores arxentinos. A crítica profesional tamén compartiu a súa opinión: Bioy Casares recibiu, en 1990, o Premio Miguel de Cervantes.
[Fonte: wikipedia]
Posted on 5 Febreiro, 2013, in Club Monte Alto, Libros lidos, Obras and tagged Bioy Casares, crise, Diario de la guerra del cerdo, narrativa hispánica, novela hispanoamericana, novela social, política. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0