O lector
Conmoven, neste libro, as dúas acepcións do verbo ler, unha como a facultade aprendida de xuntar os signos para descifrar mensaxes e a outra, que provén da aprendizaxe do anterior, e que consiste no grande pracer, na afección, no vezo, incluso, que provoca o embocar un libro -calquera que sexa- e que as súas mensaxes nos atrapen e nos leven e nos asistan.
O mozo Michael Berg é consciente deste pracer lector, por iso le para Hanna, abre os seus libros para indicarlle o camiño a seguir, como quen guía un cego. Ela acaba de axudalo na rúa, el vén de levarlle flores en resposta, ela ten que deixalo entrar, el foxe e logo volve e, de socato, os dous, con décadas de diferenza na idade, vense igualados polas experiencias pracenteiras do sexo e da lectura. Ela escoita, el finxe ser quen se deixa ver nos libros, ela soña…
Un estudante de quince anos e unha revisora de tranvía de máis de trinta, xúntanse cada tarde durante unhas horas para adentrarse o un no outro e os dous xuntos nun libro. Son rituais de intimidade solemnes, anónimos para o resto do mundo, agochados, até que a vida vai facendo xirar á xente mudando a dirección, separándose os seus camiños.
Pasados varios anos, nos que Berg remata a carreira de dereito e comeza as súas prácticas xurídicas, os camiños dos dous volven cruzarse nun xuízo que se está a levar a cabo contra varias coidadoras dun campo de concentración. Entre os apuntes, os profesores, avogados e testemuños, Michael pode recoñecer á que fora a súa compañeira de cama e lectura, a quen se responsabiliza de horribles crimes.
Dar co segredo da súa antiga amante desatará na conciencia de Michael un dilema sobre o silencio ou a delación, que suporía a diferenza entre a culpabilibade e a inocencia -daquela maneira- de Hanna.
O autor emprega esta historia tan sinxela para reflexionar sobre os termos de conciencia, de supresión da culpa, da extinción ou non das responsabilidades, na longa postguerra alemá. O contrapunto entre esquecer para non facer sangrar as feridas aínda recentes no momento da novela e a súa presentación pública para representar un exemplo da deshumanización na que non hai que caer, é un dos puntais de O LECTOR.
O calar e o falar, no caso de Michael, e o aprender ou desaprender, no de Hanna, fannos pensar na desigualdade de oportunidades entre homes e mulleres na época e, sobre todo, coas circunstancias engadidas -e das que non falaremos aquí por non facer un spoiler da obra- de cada un dos protagonistas. Un rapaz de 15 anos que consigue formarse, e unha muller de trinta e tantos que ten que tomar unha terrible decisión precisamente por non ter opcións entre as que escoller.
A diferenza entre os futuros dos dous e mesmo a súa coincidencia depende, por riba de todas as cousas, dalgo tan sinxelo como grandioso: o ler.
Posted on 16 Abril, 2012, in Club Monte Alto, Libros lidos, Obras and tagged Alemania, Bernhard Schlink, El lector, narrativa, nazi, novela curta. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0