EL ULTIMO ENCUENTRO, Sandor Marai
A amizade dá maior esplendor á prosperidade e fai máis lixeiras as desgrazas, partillándoas e facéndoas comúns. Cicerón definía a amizade a través de frases coma esta no ano 44 A. de C, e Sándor Marai volvería sobre o tema, replantexando case os mesmos alicerces máis de vinte séculos máis tarde. Porque a historia da literatura está baseada nos grandes temas universais: o amor, a morte, o paso do tempo e volverá eternamente sobre eles, reinventándoos e revisando o xa feito para adaptalos ao momento.
Mais aínda que entre Cicerón e Marai pasou a historia enteira da humanidade, atopamos idénticas premisas sobre a relacións de amicitia. A lealdade, a busca da comprensión mutua, a disolución pola dúbida, o afastamento, a traición, son os puntos sobre os que recae esta defensa da amizada en O último encontro, onde a través do monólogo dun dos protagonistas queda exposta a historia de Henrik e Kónrad, dous nenos de procedencias ben diferentes pero que fican unidos por un único destino, a vida militar.
Tras explorar a memoria que nos leva á infancia e os primeiros anos da mocidade dos dous soldados e, mentres se eslúen as últimas luces do fastuoso imperio austro-húngaro (con cameo da mesmísima Isabel de Baviera incluído), a traizón de Kónrad fai que Henrik agarde durante corenta e un anos para formular unha pregunta que gardou con recelo todos os anos que fixeron falla até que o antigo amigo e compañeiro se persoa para cear.
Neste intre, logo de décadas de reflexión sobre aquel vínculo extremo e que parecía imposible de crebar, Henrik busca os motivos da fuxida do amigo, que volve agora ao lugar dos feitos, como un fillo pródigo que ha de aturar a segunda parte do monólogo, que o abrangue e apreixa até case abafalo, facéndoo branco de numerosas preguntas que se suceden sen ser xamais a definitiva, a esclarecedora das dúbidas de Henrik.
Cómo unha amizade é algo tan forte e tan delicado ao mesmo tempo que, cun lene toque de perigo pode esfarelarse, cómo os que foran amigos até o punto de considerárense case xémeos logo se perderon no tempo durante lustros, cómo a traizón pode envelenar a vida das persoas que se viron envoltas, son as chaves desta novela curta, mestra na arte do soliloquio en dúas direccións: cara ao público lector, nós, expoñéndonos os espazos, as épocas, as sensacións, e cara a Kónrad, inqueríndoo, preguntándolle polos detalles máis ínfimos, os dorosos e pouco cicatrizados danos a través dos cales se mudou a confianza en vinganza. E por entre todo, uníndoo e facéndoo máis comprensibles as perdas e as desunións, a figura dela, da muller.
Sandor Marai (Kassa, 11 de abril de 1900 – San Diego, 22 de febrero de 1989) é un dos grandes novelistas do século XX, teórico dos grandes sentimentos humanos dentro das súas obras de ficción. A honra, a lealdade, as afinidades entre os individuos, todos aspectos psicolóxicos dos seus personaxes fican expostos por riba de calquera situación ou acción, polo que as súas obras son delicados compendios de motivos, reflexións sobre os actos e os pensamentos de cada individuo, perfís perfectos aínda válidos e vivos e que outorgan á súa obra un valor por riba do puramente literario.
(Hungría, 1900-1989) | ![]() |
![]() Fonte: www.epdlp.com |
Posted on 28 Febreiro, 2012, in Club Monte Alto, Libros lidos, Obras and tagged narrativa, novela curta, Sandor Marai. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0