Domingo Villar é un dos finalistas ao premio Dagger no Reino Unido
A praida dos afogados é unha apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo. Domingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, en A praia dos afogados, título desta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas.
A novela parte dun descubrimento estarrecedor. O cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.
Domingo Villar (Vigo, 1971) vive en Madrid, onde traballou como guionista de cinema e televisión. Coa súa primeira novela, Ollos de Auga (2006, 6ª edición no 2009), obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento (concedido por alumnos e alumnas lectores de toda Galicia) e, coa súa tradución para o castelán (Editorial Siruela), os premios Sintagma e Brigada 21. Tamén foi finalista en dúas categorías dos Crime Thriller Awards en Gran Bretaña. Publicada en doce países, a primeira novela protagonizada polo inspector Leo Caldas é un dos libros máis vendidos entre os lectores e lectoras galegos.
Posted on 26 Maio, 2011, in Escritores, Novas and tagged Domingo Villar, Premios. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0